A CIG denuncia que a "falta total de persoal facultativo" no centro de saúde de Cangas
Esta situación, indican, supón que "todas as consultas programadas quedan totalmente canceladas"
A CIG denunciou unha vez máis este venres a falta de persoal médico en Cangas, sinalando que, á ausencia dunha das tres médicas da PAC, súmase "a falta total de persoal facultativo" no centro de saúde este venres pola tarde.
Esta situación, indican, supón que "todas as consultas programadas quedan totalmente canceladas", e que se ten que facer "unha reasignación para cando resulte posible". Isto, segundo indica o sindicato, e na práctica, supón o peche do centro de saúde.
A falta de persoal provocou que as dúas médicas da #PAC teñen que asumir este venres a atención de todas as citas da tarde que non poden ser aprazadas, así como as urxencias e emerxencias dos veciños de Cangas e Moaña. Por outra banda, a poboación visitante que se atopa na comarca coincidindo coas festas do Cristo tamén fixo uso do servizo da #PAC.
Para a CIG, "esta forma de proceder da xerencia da área sanitaria de Vigo representa un auténtico recorte sanitario, posto que, lonxe de ser unha situación eventual, trátase dun feito continuado no que se está amortizando unha praza médica".
Segundo advertiu o sindicato nacionalista, "estase sobrecargando perigosamente" ao persoal, nun modo de actuar que supón "un castigo en toda regra" por facer pública a "grave situación" da sanidade pública en Cangas , "fronte ás mentiras do #Sergas". Ademais, incidiu, "tamén se está pondo en perigo aos pacientes por atrasos inevitables na asistencia".
A #CIG lembrou que é "habitual" que o equipo médico de Urxencias teña que saír do centro sanitario para atender unha emerxencia, quedando só unha médica na #PAC. A pesar da situación, lamentou a central, a postura do #Sergas é manter "que a situación está controlada, que a asistencia está plenamente garantida e que se trata de situacións puntuais ou sobrevindas".
Escribe o teu comentario