Caballero compara ao colectivo Afectados Viario Beade-Vigo con "o fascismo dos anos 30"
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, protagonizou este mércores un enfrontamento cun grupo de veciños da asociación Avibe (que se opoñen á construción dun viario en Beade) e membros de Bembrive en pé, Vitrasa e Vigosónico, aos que acusou de querer "rebentar" o pleno e de actuar como "o fascismo dos anos 30".
Os veciños da Asociación Avibe, contrarios á construción dun viario en Beade, e representantes doutros colectivos, protestaron no pleno municipal contra a xestión do goberno de Abel Caballero.
O alcalde socialista enfrontouse aos manifestantes, aos que acusou de querer "rebentar" o pleno e actuar como facía "o fascismo dos anos 30".
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, protagonizou este mércores un enfrontamento cun grupo de veciños da asociación Avibe (que se opoñen á construción dun viario en Beade) e membros de Bembrive en pé, Vitrasa e Vigosónico, aos que acusou de querer "rebentar" o pleno e de actuar como "o fascismo dos anos 30".
Os veciños, que presenciaban como público a sesión plenaria, interromperon algunhas intervencións e, no momento no que ía tomar a palabra a concelleira de Urbanismo, María José Caride, no debate dunha moción do BNG sobre parques eólicos mariños, os membros da asociación, comezaron a corear: "Vigo somos todos! Vigo somos todas!".
Nese momento, o alcalde, Abel Caballero, interrompeu o debate e dirixiuse directamente aos veciños que protestaban, aos que se referiu en máis dunha decena de ocasións como "reventadores da democracia". "Están a rebentar un pleno, o que fala do seu talante democrático. Garden silencio ou mando desaloxar", advertiu o rexedor.
En vista de que as protestas continuaron, o rexedor volveu insistir: "Son reventadores da democracia, tentan rebentar o pleno pero non vano a conseguir. Isto facíao o fascismo nos anos 30, o mesmo que vostedes aquí".
Finalmente, tras a intervención de Caride, os veciños abandonaron voluntariamente o salón de plenos, mentres o alcalde daba a palabra ao concelleiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, mentres lle espetaba: "Lamento que os seus amigos tivesen que ir".
O edil nacionalista, ante esta interpelación, pediu ao alcalde que "estea tranquilo" e lembroulle que os membros deses colectivos, integrados na plataforma VigoSomosTodxs, "son tan veciños" da cidade como os membros do goberno local e o propio rexedor.
A asociación Avibe e a plataforma denuncian a "falta de participación cidadá e falta de escoita" por parte do goberno municipal. "Só pedimos municipalismo democrático e valente, porque percibimos o Concello como a administración máis próxima aos veciños", trasladaron, á vez que expresaron a súa esperanza de que o goberno local "cambie de actitude" e recíbaos para escoitarlles "respetuosamente", motivo polo que acudiron ao pleno.
Escribe o teu comentario