A Xunta abre o prazo para pedir praza escolar do curso 2026-27
A Xunta de Galicia activou este sábado o proceso de admisión para o alumnado que se incorpora por primeira vez ao sistema educativo ou quere cambiar de centro de face ao próximo curso 2026-27. As familias xa poden iniciar o trámite para solicitar unha praza en centros públicos ou concertados de toda a comunidade.
O Goberno galego informou nun comunicado de que o período de solicitudes permanecerá aberto até o 20 de marzo, data límite para completar os formularios e presentar a documentación necesaria. A partir de entón comezará o proceso de revisión e adxudicación de prazas.
Datas clave do proceso de admisión
Segundo o calendario oficial, as listas provisionais de admitidos e excluídos faranse públicas o 27 de abril, mentres que as definitivas se coñecerán o 15 de maio. Posteriormente, as familias terán que formalizar a matrícula: do 20 ao 30 de xuño para os estudantes de Infantil e Primaria, e do 23 de xuño ao 7 de xullo para os de ESO e Bacharelato.
A Consellería de Educación subliña que o proceso é completamente gratuíto e que todos os pasos están dispoñibles na aplicación dixital ‘admisionalumnado’. A través desta ferramenta poder cumprimentar a solicitude e presentala tanto de forma presencial no centro elixido como por vía electrónica.
Seguimento en liña da solicitude
Por último, o Executivo autonómico lembrou que os proxenitores poderán realizar un seguimento do procedemento en cada unha das súas fases. Para iso deberán introducir o código xerado ao rexistrar a solicitude, xunto co número do DNI da persoa asinante. Desta maneira, as familias poderán comprobar desde casa a evolución do proceso até a publicación definitiva das listas.
Escribe o teu comentario