Reabre a circulación na AP-9 sentido sur tras o accidente dun camión en Portas pero un carril permanece pecho
O 112 Galicia recibiu unha chamada dun particular que observara un camión de gasoil envorcado e outro vehículo con danos
O tráfico na AP-9 en sentido sur quedou reaberto pasadas as 18,00 horas deste sábado, despois de estar varias horas pecho debido a un accidente entre un camión de mercadorías perigosas e un coche no quilómetro 116, ao seu paso por Portas, que deixou a dúas persoas feridas graves.
Con todo, a Garda Civil informa de que permanece cortado o carril dereito da autoestrada, desde o quilómetro 115,3 ao 116,3 por traballos de limpeza vía.
O suceso, ocorrido ás 10,40 horas deste sábado, obrigou a interromper o tráfico en dirección sur. O 112 Galicia recibiu unha chamada dun particular que observara un camión de gasoil envorcado e outro vehículo con danos.
Até o lugar desprazáronse efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil de Tráfico, Protección Civil de Curtis e Bombeiros de Ribadumia. Alí, foi necesario excarcerar ao condutor do turismo, que é un dos feridos.
Por outra banda, a central de emerxencias traslada que a carga do camión non está afectada, polo que se descartou activar o plan especial de Protección Civil fronte a emerxencias por accidentes en transporte de mercadorías perigosas.
Escribe o teu comentario