O Concello de Vilagarcía pide "civismo" tras os actos vandálicos á decoración de Nadal
"O que fagan uns poucos non pode danar o esforzo económico e a dedicación do persoal municipal que a inmensa maioría dos cidadáns que a visitan si respecta e valora", expresaron
O Goberno local de Vilagarcía realizou un chamamento ao "civismo" despois de que se producise o enésimo acto vandálico á decoración de Nadal.
Segundo relatou o Concello nunha nota de prensa, neste caso a bóla que adornaba o cruzamento da rúa do Río con Valentín Viqueira. Utilizando material combustible, alguén fixo tres buracos na capa de plástico.
Así mesmo, indicou que en días pasados detectáronse outros actos similares, que afectaron o mobiliario urbano e a outros elementos ornamentais, incluídas as plantas.
"O que fagan uns poucos non pode danar o esforzo económico e a dedicación do persoal municipal que a inmensa maioría dos cidadáns que a visitan si respecta e valora", expresaron.
Con todo, sinalaron que sempre haberá "unha minoría que vai estar en contra", pero iso non lles debe desviar de que hai unha "inmensa maioría que celebra e respecta o que se fai", demostrando que o "civismo é unha parte fundamental do modelo de cidade que defenden".
Escribe o teu comentario