Un falecido e varios feridos durante a tarde do sábado e a madrugada do domingo en Galicia
A xornada do fin de semana pechouse cun novo balance tráxico nas estradas galegas. Tres accidentes rexistrados entre a tarde do sábado e a madrugada do domingo deixaron un falecido e polo menos sete feridos, tres deles de gravidade, nos municipios de Lugo, Carballo e Toén.
O sinistro máis grave tivo lugar xa entrada a madrugada, na estrada LU‑612, ao seu paso pola parroquia de San Xoán do Campo, en Lugo. Un home de 31 anos perdeu a vida tras saír da vía e envorcar o vehículo que conducía, do que era o único ocupante. O accidente ocorreu ao redor das 00.45 horas, entre os puntos quilométricos 8 e 9, segundo informou o 112 Galicia. O aviso chegou a través do teléfono móbil do propio vehículo accidentado, o que permitiu activar de inmediato un operativo con participación de Urxencias Sanitarias de Galicia‑061, a Garda Civil de Tráfico, Policía Nacional, Policía Local e Protección Civil. Nun primeiro momento sospeitouse que o condutor podía estar atrapado, polo que se alertou aos Bombeiros de Lugo, aínda que finalmente non foi necesaria a súa intervención. Os servizos sanitarios confirmaron o falecemento no lugar.
Horas antes, sobre o oito da tarde, seis persoas resultaron feridas en Carballo (A Coruña) tras unha violenta colisión entre un Seat León vermello e un Volkswagen New Beetle branco na estrada AC‑418, á altura do cruzamento de Xoane, que comunica con Malpica. Entre os feridos atópase un menor que tivo que ser excarcerado xunto a outro catro ocupantes. No operativo participaron os Bombeiros de Carballo, o GES de Ponteceso, a Garda Civil de Tráfico, a Policía Local e Protección Civil. Urxencias Sanitarias de Galicia‑061 mobilizou unha ambulancia de soporte vital avanzado, catro de soporte vital básico e persoal da PAC de Carballo. Tres homes de 31, 39 e 45 anos e dúas mulleres de 28 e 34 foron trasladados ao Chuac, mentres que o menor foi derivado ao Hospital Materno Infantil Teresa Herrera da Coruña.
Case unha hora antes, na autovía A‑52 ao seu paso por Toén (Ourense), un técnico sanitario resultou ferido de gravidade ao ser atropelado por un vehículo mentres participaba nun operativo de asistencia. O suceso tivo lugar no punto quilométrico 239, onde se produciu unha colisión sen feridos entre dous coches. Durante os traballos de auxilio, un terceiro vehículo embistió ao profesional do 061, que foi trasladado ao hospital de referencia en estado grave. No operativo tamén interviñeron os Bombeiros do Carballiño, o GES de Ribadavia, a Garda Civil de Tráfico e Protección Civil.
Estes tres accidentes ocorridos en menos de dez horas evidencian un fin de semana especialmente crítico nas estradas galegas, con varias vítimas graves e un falecemento que eleva a preocupación pola sinistralidade viaria na comunidade.
Escribe o teu comentario