O BNG insta á Xunta a evitar a "brutal comarcalización" da futura sección de violencia sobre a muller en Ourense
O deputado do BNG Iago Tabarés adiantou este sábado que o seu partido solicitará á Xunta que actúe para evitar a "brutal comarcalización" da futura sección de violencia sobre a muller en Ourense.
Neste sentido, detallou que se estendería a súa competencia non só aos partidos xudiciais de Ourense, senón practicamente a toda a provincia, "xa que atendería a un 88% da poboación e a un 71% do territorio, o que vai implicar un enorme prexuízo para as vítimas".
"Tampouco é baladí o feito que estariamos ante unha unidade xudicial que nacería cunha carga de traballo moi por encima do máximo aconsellable polo Consello Xeral do Poder Xudicial", advertiu.
Neste contexto, o Grupo parlamentario do BNG no Parlamento de Galicia rexistrou unha batería de iniciativas co obxectivo de "mellorar o funcionamento" da Administración de Xustiza en Ourense".
En concreto, o BNG demanda a ampliación do cadro de persoal funcionario e a "cobertura inmediata" das baixas que se produzan, "evitando situacións como as vividas no Xulgado de instrución número dous, onde a falta de cobertura dos postos fai que non poida atender o servizo de garda e o despacho ordinario de asuntos".
Outra das reivindicacións da formación nacionalista ten que ver coa "necesaria implicación" da Xunta na ampliación da planta xudicial, tanto en materia Civil como Penal, "xurisdicións que actualmente están cunha extraordinaria carga de traballo".
Con todo, o BNG fixo fincapé nunha nota de prensa en que a situación da Administración de Xustiza en Ourense revela que neste ámbito, "a Xunta tamén desentiende, como en tantos outros, as necesidades de Ourense e en consecuencia dos ourensáns".
Escribe o teu comentario