Eliminan un punto de vertedura de aceites industriais en Santiso
Os técnicos desprazados á zona localizaron unha vertedura de aceites no interior dunha instalación do municipio, que se canalizaba por varios puntos ao exterior da nave cara ao río Furelos
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, eliminou un punto de vertedura de aceites industriais dunha instalación situada no municipio coruñés de Santiso.
Segundo informou a Xunta, esta achega irregular detectouse no marco das tarefas rutineiras de inspección que o persoal do Programa de Control de verteduras de Augas de Galicia leva a cabo na atención de alertas de vertedura, no ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.
Así, os técnicos desprazados á zona localizaron unha vertedura de aceites no interior dunha instalación do municipio, que se canalizaba por varios puntos ao exterior da nave cara ao río Furelos.
Ante a deficiencia observada, o persoal de Augas de Galicia emprendeu as accións necesarias para conter a vertedura ao río, procedendo á instalación de barreiras de contención e material @absorbente para reter o aceite.
Ademais, os técnicos requiriron aos responsables da instalación a adopción das medidas correctoras oportunas co obxectivo de emendar a achega irregular. Nunha nova inspección á zona, Augas de Galicia verificou o cesamento da vertedura e da contaminación.
Escribe o teu comentario