Sánchez Bugallo ponse ao lado do cesado Gonzalo Muíños: "Así non se gañan eleccións, todo o contrario"
O exregidor, xunto a outras voces do socialismo galego, como o alcalde de Ames Blas García, trasladan o seu apoio ao edil expedientado.
O exalcalde socialista de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o alcalde do veciño municipio de Ames, Blas García, --tamén do PSOE-- mostraron o seu apoio ao até agora portavoz municipal na capital galega, Gonzalo Muíños, tras ser suspendido durante un período de 18 meses por "indisciplina reiterada", tal e como sinala a resolución do expediente disciplinario aberto pola formación.
Nunha mensaxe en redes sociais, Sánchez Bugallo quixo mostrar a súa "tristeza e desgusto" ante a resolución do expediente aberto ao portavoz municipal.
Para o exregidor compostelán, esta decisión "non resolve o conflito", senón que "o eleva de categoría". "Estou convencido de que defrauda á maioría dos electores que mantiveron a confianza en nós no 2023", afirma.
Así, Bugallo mostrou o seu apoio a Gonzalo Muíños, "unha persoa dedicada ás súas responsabilidades e querida polas veciñas e veciños de Santiago.
Neste mesma mensaxe, o que fóra alcalde de Santiago en dous períodos diferente sinala, do mesmo xeito que o rexedor de Ames, que "este camiño" non os leva "a recuperar a confianza dos electores".
"Só podo dicir que así non se gañan eleccións, todo o contrario", aseverou na rede social 'X' Blas García, que tamén defendeu que Muíños "demostrou durante o tempo como concelleiro o seu compromiso co partido e coa cidade".
Escribe o teu comentario