Últimas investiduras en Galicia: primeiro alcalde nacionalista en Ribeira, sorpresa a catro bandas na Pobra...
As investiduras celebradas este 7 de xullo deixaron algunha sorpresa de última hora polos acordos selados sobre a bucina en localidades como Muros ou A Pobra do Caramiñal.
Aínda que a maioría de gobernos locais levaban constituídos desde mediados de xuño en Galicia, aínda había un puñado de Concellos nos que o bastón de mando seguía ou no aire ou pendente de recaer de forma oficial sobre as persoas escollidas pola cidadanía. Houbo que esperar até este 7 de xullo para constituír algunhas executivas locais, despois da decisión da Xunta electoral de Noia de aprazar as investiduras pola denuncia do PSOE ao non poder comprobar preto dun milleiro de votos nulos rexistrados nesta área. O tempo de espera axudou fortalecer algúns pactos e a selar outros que dan un cambio de guion nalgúns municipios.
RIBEIRA
Luís Pérez convértese no primeiro alcalde nacionalista deste municipio con máis de 25.000 veciños. Tras case catro décadas de gobernos conservadores, en Ribeira ten lugar un cambio de tendencia grazas ao acordo alcanzado entre BNG, PSOE e o Partido Barbanza Independente, que retirou o seu apoio aos populares, que gañaron as eleccións pero sen maioría absoluta.
O pacto a tres fixo que Manuel Ruiz Rivas dese un paso atrás e iniciase a carreira ao Senado de face ao 23J. María José Sanpedro sucedeu a Ruiz Rivas, pero só recibiu os votos dos seus durante a investidura. Pérez, unha vez investido, quixo agradecer a "xenerosidade" de PSOE e PBBI por "superar" as súas "diferenzas" e "afianzar" os puntos comúns que os unen e que serán o eixo desta coalición.
A Pobra do Caramiñal
Na Pobra do Caramiñal a moeda estivo no aire até última hora. Non foi até a noite do xoves que se definiu por fin o escenario político, onde Manuel Durán, do PP, parecía avocado a gobernar en minoría, tendo en conta que os números non lle daban para facelo en solitario e non alcanzara un acordo cos Veciños Independentes dá Pobra (VIP).
Sobre a bucina, Nós Pobra, que gobernara as últimas dúas lexislaturas, propuxo un candidato alternativo ao alcalde, Xosé Lois Pieñeiro, o que desbloqueou as negociacións e achegou as posturas entre as mareas, os independentes, os nacionalistas e os socialistas. Este cadrado conformado por Nós, VIP, PSOE e BNG é o que gobernará na localidade pobrense baixo a alcaldía de José Carlos Vidal Suárez, número 3 da lista de Nós -a máis votada entre as catro- e novo rexedor pobrense.
NOIA
En Noia tamén seguían pendentes dun acordo a última hora de onte, aínda que na súa maioría daban por feito que o pacto entre os populares e os independentes de N.Ou.I.A. estaba moito máis preto do que querían deixar entrever nas forzas políticas.
Finalmente, Santiago Freire retén o bastón de mando por terceira vez consecutiva integrando aos Noieses Independentes Agrupados no seu goberno, como no último mandato. O acordo renovado entre as dúas formacións enterra a posibilidade dun goberno progresista liderado polo socialista Fran Pérez, que precisaba de pór en consonancia a catro listas distintas.
MUROS
Como en Ribeira, o goberno local de Muros pasa a mans dos nacionalistas. María Lago será a nova alcaldesa da localidade, en coalición co PSOE grazas a un acordo asinado a última hora que arrebata a alcaldía a Inés Monteagudo.

Os populares, que melloraron os seus números nos pasados comicios, non lograron a maioría absoluta, unha cifra que si alcanzan socialistas e nacionalistas unidos, polo que non necesitaron dun acordo con Muros Centrado, o partido independente con representación no pleno muradán.
OUTES
A tres e non a dous será o goberno en Outes, onde saíu reelixido Manuel González, da formación Compromiso por Outes, co apoio de BNG e PSOE. Os catro edís de Comrpomiso, os dous dos nacionalistas e o edil socialista suman os votos necesarios para un goberno de progreso no municipio.
Non se deu en ningún caso unha sorpresa, xa que no pleno de hoxe non se fixo máis que referendar o acordo de goberno entre as tres forzas foi asinado o pasado 17 de xuño polo propio González xunto ao socialista José Antonio Caamaño e o nacionalista Anxo Núñez.
LOUSAME, PORTO DO SON, BOIRO E RIANXO
En Lousame, Porto do Son e Boiro as maiorías absolutas cultivadas polo PP nos dous primeiros casos e polo PSOE no terceiro non deixaron lugar a dúbidas de quen ía saír investido despois do 28M. Teresa Villaverde e Luís Oujo retiveron os bastóns de mando populares, mentres que José Ramón Romero pasou de liderar un goberno en minoría a un con maioría absoluta.
En Rianxo, en cambio, a investidura recaeu sobre Juilán Bustelo, de Rianxo en Común, que goberna en solitario tras doce anos de dominio nacionalista na localidade rianxeira, de onde salgue Adolfo Muíños.
Escribe o teu comentario