A folga de auboses en Santiago que ameazaba a O Son do Camiño é desconvocada
Ducias de miles de persoas corrían o risco de atopar sen ningunha alternativa de transporte público para baixar do Monte do Gozo cara á cidade de Santiago de Compostela ou os aparcadoiros periféricos. Este escenario de pesadelo para público, organización e Concello non se producirá finalmente.
O Comité de folga do transporte urbano de Santiago decidiu desconvocar a folga prevista para os días 15, 16, 17 e 18 de xuño --coincidindo co festival O Son do Camiño-- tras coñecer que o Concello "asume" a doutrina do TSXG sobre a UTE.
Segundo informaron en comunicados de prensa CCOO, UXT e CIG, consideran "satisfactoria" a resposta, aínda que advirten de que volverán convocar "si quen resulte adxudicatario divide o cadro de persoal".
Explican que a resposta do Concello á pregunta rexistrada no portal de contratación sobre como inflúe nos pregos a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en relación ás Unions Temporais de Empresas (#UTE) "vai nos termos defendidos pola parte sindical".
A isto comprometeuse o comité na reunión que mantivo cos responsables municipais o pasado 22 de maio e ratificada na asemblea de persoal do día seguinte.
Con todo, o comité remarcou que isto "non é unha solución definitiva", pero "si a única saída á que se podía aspirar neste momento tras a publicación dos pregos".
Ademais, achacan esta situación a "a falta de diálogo durante os últimos catro anos", onde os representantes dos traballadores "non tiveron oportunidade de ser escoitados e tidos en conta no Concello para achegar a súa visión nas cláusulas sociais dos pregos".
Inciden en que a "única pretensión" dos sindicatos era que os novos pregos axudasen a non dividir o persoal entre varias empresas, "situación que, de todas as cidades galegas con transporte urbano, só ocorre en Santiago".
"Evitar a división non só favorecería aos traballadores á hora de defender as súas condicións laborais, senón tamén para que se faga un mellor control da calidade do servizo ou do estado dos vehículos. Unha situación que, á vista está, que é algo importante para os condutores e para toda a cidadanía", argumentan.
Escribe o teu comentario