A Xunta activa a nova fase do proxecto Xenoma Galicia en Santiago e Barbanza
Máis de 5.000 persoas foron convidadas a participar neste programa de investigación xenética
A Consellería de Sanidade porá en marcha o 23 de febreiro a toma de mostras de sangue dentro do proxecto Xenoma Galicia na área sanitaria compostelá e na de Barbanza. Os participantes recibirán un SMS recordatorio para concretar a súa cita a través da aplicación Sergas Móbil, segundo informou o Goberno galego.
Están habilitados 703 ocos para citas no Hospital Clínico de Santiago e 125 no Hospital do Barbanza, dispoñibles de luns a xoves polas tardes. O obxectivo é reunir 828 mostras de ADN nesta fase inicial, que se ampliará progresivamente até alcanzar as 5.000 en toda Galicia.
Coas mostras de sangue preténdese identificar xenes vinculados a enfermidades hereditarias, como o cancro de mama e ovario, a síndrome de Lynch ou a hipercolesterolemia familiar. Estas probas contribuirán, ademais, a nutrir o biobanco do proxecto Xenoma Galicia e á participación do Sergas en estudos clínicos relacionados coa xenómica e o medicamento personalizado.
O proxecto, impulsado pola Xunta a través da Consellería de Sanidade, busca avanzar na detección precoz e a prevención de patoloxías con base xenética. As autoridades sanitarias inciden en que os datos obtidos servirán para adaptar futuros tratamentos ás características xenéticas de cada persoa.
Escribe o teu comentario