Folga no CIFP Manuel Antonio de Vigo polo ruído, o po e os riscos das obras no centro
Os alumnos e docentes coordínanse para pedir medidas que resolvan a situación actual do centro, onde, aseguran, ponse en risco a integridade de estudantes e traballadores.
Unha situación insosteible. Así o definen os alumnos e profesores do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Manuel Antonio de Vigo, onde as obras que se ían a acometer nesta instalación prolongáronse máis da conta, facendo imposible o ensino neste edificio, onde entre apuntamentos e leccións acumúlanse os ruídos, o po e outras molestias, polo que estudantes e docentes coordináronse para comunicar a convocatoria dunha folga no centro.
RISCO PARA ALUMNOS E PROFESORES
Para este xoves hai convocadas manifestacións ante O Farol de Vigo. Non é a primeira acción que se realiza neste centro, que xa o pasado 30 de outubro celebrou unha concentración de máis de 4 horas para denunciar a situación que viven traballadores e alumnado polas obras que arrincaron en xullo e que, aínda hoxe, seguen sen terminar.
Está a cambiarse o teito e adaptando o centro para facelo máis accesible ás persoas con discapacidade física. As obras, inciden os afectados, "son moi necesarias", pero o clima no centro olívico resulta irrespirable, literalmente, e non só para os alumnos asmáticos. "Ruídos constantes, falta de ventilación, po, uso de materales potencialmente nocivos...", refiren os afectados na súa nota, onde insisten en que hoxe resulta "imposible que se poidan desenvolver as clases con normalidade", tendo en conta que se dan situacións como que "chova durante as clases" aínda que a actividade dos operarios sexa pasada fóra dos horarios lectivos.
O inicio do curso xa resultou atropelado, provocando que durante tres semanas non se celebrasen as clases presenciais, un problema porque, aínda que se facilitou o temario aos alumnos, non podían serolverse as dúbidas dos estudantes. "Estamos fartos destas obras", trasladan os estudantes a Galiciapress , lamentando á súa vez que esta situación está "a prexudicar a nosa saúde, tanto mental como física".
No escenario actual, aseveran, está a "porse en risco tanto ao persoal de limpeza como profesorado e alumnado". "A día de hoxe, seguimos sen ter laboratorios para os cursos de sanitaria, hai moitos danos en equipos e material e non se garante a nosa seguridade", insisten desde o estudiantado, á vez que puntualizan que coas obras para reformar o teito, "os cales conteñen amianto", ponse en risco especialmente ás persoas con problemas respiratorios, pero tamén ao "alumnado con necesidades especiais ou, mesmo, embarazadas".
"A 12 de novembro non se pode permitir, dous meses despois de empezar as clases, que non pisemos aínda un laboratorio para as prácticas", critican alumnas do ciclo de Laboratorio Clínico e Biomédico, onde recalcan a importancia destas obras, pero imploran que haxa un cambio canto antes porque, asumen, "están a xogar coa nosa saúde".
Así as cousas, desde o centro denuncian "a falta de apoio e respostas concretas por parte da dirección, así como unha ausencia de medidas reais, de prevención e de comunicación". Por iso, ademais de solicitar unha reunión formal entre as partes a fin de "establecer un plan de actuación inmediato", anuncian a convocatoria de folga e demandan "a paralización temporal das actividades en zonas afectadas ata que se asegure a salubridade", censurando que até agora se lles trasladou que "non existe risco".
Ademais, piden que se aumente a dotación do persoal de limpeza para "evitar o po" e temen que os profesores e alumnos que participen nas protestas poidan sufrir "represalias". "A situación actual non só impide a aprendizaxe, senón tamén afecto ao benestar físico e mental de todos os que formamos este centro. Reclamamos unha formación xusta e de calidade", resolven.
Escribe o teu comentario