Violencia económica, a forma máis invisible dos malos tratos
O control sobre os ingresos salariais da muller por parte da súa parella busca a anulación da vítima como provedora e, por extensión, anulala como ser humano con todas as súas capacidades. En definitiva, falamos de violencia económica como parte das violencias que se exercen sobre a muller. O Consello da Cultura Galega acolleu a xornada “A Violencia Económica” para analizar unha forma invisible e moi estendida de violencia machista
O control do diñeiro, a limitación de recursos ou a sabotaxe laboral son prácticas que moitas mulleres sofren pero que nunca se nomean como o que son: violencia económica. Este foi o eixo central da xornada “A violencia económica”, organizada polo Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG), en colaboración co Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL). Dentro deste encontro poder escuhar as voces de xuristas, académicas, sindicalistas e expertas que estudan unha das formas máis invisibles (e máis estendidas) da violencia machista.
“A violencia económica é unha das formas máis naturalizadas e menos recoñecidas de violencia machista. Afecto a máis do 90 % das mulleres que sofren ademais, control psicolóxico”, advertiu a filósofa Carme Adán, coordinadora da xornada e directora do CDIF. Adán lembrou que esta modalidade de violencia non se limita á falta de pagamento de pensións ou á negación de recursos, senón que se expresa tamén no control do patrimonio, a dependencia económica forzada ou a imposibilidade de acceder ou de manter no mercado laboral.
DIÑEIRO, FERRAMENTA DE CONTROL
“A violencia machista é, ante todo, coaccionar a liberdade das mulleres, sendo o control económico unha das súas ferramentas máis efectivas”, explicou Adán. Este tipo de violencia exércese de tres formas principalmente: o control directo do diñeiro e dos gastos domésticos, a restrición da autonomía económica e a sabotaxe laboral. Este último prodúcese cando se obstaculiza que unha muller traballe, regrese ao seu emprego tras un período de coidados ou o manteña en condicións dignas.
O resultado de todo isto é que sen independencia económica “non hai liberdade posible”. Aínda máis, a dependencia da muller prolóngase mesmo despois da ruptura na parella, cando o maltratador deixa de abonar pensións ou se nega a cubrir os gastos dos fillos, provocando o empobrecimiento da muller.
SEN DISTINCIÓN E LAGOAS LEGAIS
Aínda que non existen estudos concluíntes sobre a súa distribución por estratos sociais, a violencia económica golpea con especial dureza ás mulleres con menos recursos, ás mulleres migrantes e a aquelas con discapacidade. Todas enfrontan barreiras engadidas para romper a convivencia cos seus maltratadores ou para refacer a súa vida.
Esta dimensión estrutural tamén foi subliñada polo maxistrado Fernando Lousada, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, quen sinalou que “sen independencia económica non hai igualdade real”. Lousada denunciou as lagoas lexislativas ao redor da violencia económica, dixital e vicaria, e a escasa protección xurídica sobre o traballo de coidados, un terreo que segue penalizando a igualdade efectiva.
O encontro no CCG deixou ao descuberto a insuficiencia do marco xurídico actual. “O artigo 227 do Código Penal (referido á falta de pagamento de pensións) é a única referencia explícita á violencia económica en España”, lembrou Adán, quen lamentou que o Estado aínda non incorpore plenamente ao ordenamento xurídico español as recomendacións do Convenio de Istambul.
En Galicia, a Lei de 2007 xa define esta violencia como “a privación intencionada e inxustificada de recursos para o benestar físico ou psicolóxico da muller e dos seus fillos e fillas”. Pero a aplicación xudicial segue sendo escasa, o que deixa a moitas vítimas sen recoñecemento nin reparación. Por todo iso, concluíuse que é necesario un cambio lexislativo que recoñeza a violencia económica en todos os seus niveis, que a preveña e que protexa de forma efectiva ás mulleres. Ademais disto, tamén se considera necesario reforzar a inserción laboral e os programas de apoio económico.
A DESIGUALDADE PERMANENTE NO TRABALLO
A inspectora de traballo Mónica González Otero citou un estudo do Banco de España no cal se analizaron 550.000 traxectorias laborais: dous anos despois da paternidade, os ingresos dos homes aumentan un 0,15 %, mentres que os das mulleres caen un 20 %. Unha década máis tarde, os homes manteñen os seus salarios estables, pero as mulleres acumulan unha perda do 28 %.
“O traballo non é só un medio de subsistencia, é unha forma de cultura que nos sitúa na sociedade”, dixo González Otero. “Cando o emprego das mulleres se precariza, tamén se precariza a súa cidadanía”. Na mesa dos axentes sociais, representantes dos principais sindicatos (#CIG, CCOO e UXT), coincidiron en identificar a brecha salarial e a negociación colectiva como os principais espazos onde se perpetúa a violencia económica estrutural.
DISCURSOS ULTRACONSERVADORES
Máis aló dos datos, Carme Adán alertou sobre un fenómeno cultural inquietante como é o resurgimiento de discursos conservadores que promoven a “volta ao fogar”, vestíndoo como un modelo de vida ideal. A estratexia é presentar o traballo doméstico como unha elección libre, pero no fondo “búscase manter ás mulleres cativas dentro dun sistema que se beneficia do seu traballo non remunerado”.
Fronte a eses mensaxes insistir na necesidade de educar en autonomía monetaria desde idades temperás. Así, as mozas deben saber que a independencia económica é unha condición para a liberdade, non unha opción. Sen recursos propios, non hai posibilidade de decidir libremente.
O consenso entre as e os participantes foi claro, a violencia económica non é un problema privado nin doméstico, senón unha expresión estrutural do patriarcado e do modelo económico actual. Combatela, afirmaron, esixe reformas legais, educación feminista, valorización do traballo de coidados e campañas públicas que visibilicen as súas múltiples formas.
Escribe o teu comentario