Éxito da folga de médicos en Galicia segundo O'MEGA e SIMEGA
Portavoces sindicais insisten en que menos do 5% do persoal sanitario traballou de maneira voluntaria.
A folga de médicos celebrada en Galicia o pasado venres foi unha das xornadas de maior impacto na sanidade pública galega dos últimos anos. Segundo os sindicatos O’MEGA e SIMEGA, a mobilización rexistrou un seguimento medio próximo ao 70% entre o persoal facultativo da comunidade. Mentres, a Xunta rebaixa a cifra oficial ao 23,5%.
Os datos destacados polas organizacións sindicais mostran seguimentos do 90% no Hospital do Salnés e superiores ao 80% en hospitais como Verín, Monforte, Ourense e Cee. A nivel intermedio situáronse o Álvaro Cunqueiro de Vigo, Barbanza e Pontevedra, todos eles por encima do 70%. O seguimento alcanzou o 65% na área da Mariña, o 60% no CHUS de Santiago, o 55% no Arquitecto Marcide de Ferrol e o 50% en Valdeorras. Portavoces sindicais insisten en que menos do 5% do persoal sanitario traballou de maneira voluntaria.
O impacto da folga deixouse sentir non só nos hospitais. En Atención Primaria, o respaldo foi especialmente elevado en Vigo, cun 77%, seguido de Santiago co 68% e Ferrol co 63% de seguimento, segundo os mesmos sindicatos. Os portavoces de O’MEGA e SIMEGA subliñaron o “paradoxo” de que, aínda que o seguimento medio alcance o 70%, a actividade sanitaria ordinaria apenas chegase ao 5% durante a xornada de paro, pondo o foco nos servizos mínimos cualificándoos de “esaxerados”.
En canto aos datos ofrecidos pola Xunta de Galicia, fontes da Consellería de Sanidade cifran o seguimento global no 23,5% entre o persoal facultativo, con picos do 29,5% nos grandes hospitais durante a quenda de mañá e un 19,8% nos hospitais comarcais. En Atención Primaria, o goberno galego rebaixa a incidencia ao 10,67%. O balance oficial incorpora tamén a suspensión durante a folga de 336 cirurxías, case 6.000 consultas hospitalarias e máis de 600 probas diagnósticas.
Escribe o teu comentario