Primeiro día en case tres semanas en que os datos da Xunta non reflicten incendios activos
Medio Rural dá por controlado o incendio de Larouco, que devorou máis de 30.000 hectáreas de terreo.
A vaga de incendios que desde fai máis de dúas semanas azouta Galicia parece achegar ao seu fin, posto que por primeira vez desde o seu inicio, non se notifica ningún foco activo en toda a comunidade.
A Consellería de Medio Rural así o recolle no seu último parte, con datos solicitados até as 14.45 horas deste xoves, e onde notifican a estabilización dos focos da Pobra do Brollón (Lugo), orixinado o luns na parroquia de Abrence e que afecta a unhas 900 hectáreas; e de Avión (Ourense), iniciado na parroquia de Nieva cunha afectación de 250 hectáreas.
Esta mañá tamén se daba por controlado o maior incendio até o momento, o que queimou unhas 30.000 hectáreas en Larouco. Igualmente, nas últimas horas déronse por controlados os lumes de Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita, mentres que o foco de Vilariño de Conso segue estabilizado), con 19.000 hectáreas afectadas, e Carballeda de Avia-Beade, con 4.000 hectáreas.
Tamén na provincia de Ourense seguen controlados os incendios da Mezquita (10.000 hectáreas), Oímbra-Xinzo de Limia (17.000 hectáreas), Vilardevós-Vilar de Cervos (900 hectáreas), Montederramo (120 hectáreas), e Maceda (3.500 hectáreas); mentres que continúa estabilizado o incendio de Carballeda de Valdeorras-Casaio (5.000 hectáreas).
Escribe o teu comentario