Enésimo desprendemento do falso teito no Hospital Materno Infantil de Ourense
O centro hospitalario ourensán sufriu varios desprendementos nas súas instalacións, pondo en risco a persoal e usuarios.
O Hospital Materno Infantil do Centro Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) sufriu este mércores o desprendemento dun falso teito na segunda planta, de obstetricia, sen lamentar feridos, segundo confirmou o centro hospitalario.
É o terceiro incidente que se produce no Materno Infantil, tal e como sinalou o sindicato de enfermaría SATSE, neste caso, nun despacho, chegando a afectar a algunha habitación de residentes.
Un derrube que se produce a poucos días de finalizar, segundo o previsto, as obras das plantas primeira e cuarta do edificio de Cristal, zonas á que se trasladarán os servizos de pediatría e obstetricia até agora desenvolvidos no Materno Infantil. En concreto, o CHUO espera pór fin ao acondicionamento do edificio de Cristal a semana que vén.
As OBRAS
Doutra banda, a unidade de partos trasladarase á Unidade de Cirurxía Maior Ambulatoria, próxima ao edificio de Cristal. E, en canto a pediatría, a Unidade de Coidados Intensivos (#UCI) e neonatos desprazaranse á zona dereita da cuarta planta do edificio de Cristal, e hospitalización á zona esquerda.
O CHUO informou de que o traslado garantirá unha "mellor coordinación" entre ambas as áreas, pediatría e obstetricia, pola súa agrupación en espazos contiguos con "comunicación interna reforzada".
A RESPOSTA DE TRABALLADORES E PACIENTES
O Sindicato de Enfermaría SATSE pide que o Hospital teña en conta "a opinión dos traballadores que están a pé de cama" porque "son os que sofren a falta de idoneidade dos espazos de traslado". "Preocúpanos que non sexan máis dilixentes á hora de determinar lugares de traballo seguros", engade o sindicato.
Pola súa banda, a Asociación de apoio á lactación Arrolos de Teta lamenta un traslado "improvisado" e recalca que "as mulleres a día de hoxe non saben como van parir". "Quérennos facer crer que hai catro meses de planificación, pero todo responde a improvisación chafalleira", engade Parvati, membro da asociación.
Escribe o teu comentario