Os coidadores non profesionais xa poden solicitar as axudas do programa Respiro Familiar
O Goberno de Galicia acaba de abrir o prazo para as familias, que teñen até o 15 de outubro para tramitar a solicitude.
A Xunta de Galicia lembra que xa está aberto o prazo para que as familias coidadoras que o desexen poden solicitar as achegas económicas correspondentes ao programa Respiro Familiar.
Segundo destacan nun comunicado, a través desta nova convocatoria que está aberta até o 15 de outubro, os coidadores habituais poderán acceder a prestacións para a contratación dun servizo a domicilio ou para estancias temporais en residencias ou centros de día, co obxectivo de facilitar o seu descanso e conciliación.
O programa 'Respiro Familiar' ofrece axudas de 1.500 euros para estancias temporais en residencias ou de 1.000 euros para contratar os servizos puntuais en centros de día ou a atención dun coidador no propio domicilio.
O Goberno galego destina a esta iniciativa un orzamento inicial de 1.1 millóns de euros para as tres modalidades que se contemplan na iniciativa e que na anterior convocatoria do 2024 beneficiou a 982 persoas, atendendo todas as solicitudes rexistradas.
Escribe o teu comentario