Dúas semanas sen helicóptero de emerxencias 061 en Santiago en vésperas de Semana Santa
Chega un dos períodos con máis accidentes do ano e Galicia ten avariado un dos seus dous helicópteros sanitarios, o de Compostela. Eliance, a empresa á que a Xunta lle acaba de quitar o contrato polos seus repetidos incumprimentos, levoullo a Madrid e non hai data para o seu retorno. Algo que aumenta os tempos de resposta ou, no peor dos casos, pode facer imposible un rescate aéreo.
Galicia leva sen un dos seus dous helicópteros de emerxencias sanitarias desde hai catorce días. Por agora, a Xunta non é capaz de concretar ningún prazo para volver telo operativo.
A carencia, que xa é preocupante de por si, faise máis grave debido ás datas. Coa Semana Santa ao virar a esquina, vanse a disparar os desprazamentos por estrada e os baños na praia.
Son dous focos de accidentes, ás veces graves e en puntos de difícil acceso, nos que o rescate por aire pode supor a diferenza entre a vida e a morte. Por iso o 061 de Galicia conta con dous helicóperos. Un con base no CHOU de Ourense para o sur do país e outro con base no Hospital de Conxo en Compostela para o norte da autonomía.
O aparello con base en Santiago se averió o 28 de marzo. Fontes dos traballadores indicaron onte a esta redacción que seguía estragado. Portavoces oficiais da Fundación de Urxencias Sanitarias 061 confirmaron tamén onte a Galiciapress a ausencia e non indicaron data para o seu retorno. Sinalaron, iso si, que a Administración traballa para que estea de volta “canto antes”.
Desde o persoal indícase a Galiciapress que “levárono ou mércores a Madrid”. A capital de España é onde ten a súa base Eliance. Esta é a empresa que leva ambos os helicópteros, pois o servizo está privatizado.
Eliance incumpriu en múltiples ocasións a súa obrigación de achegar un helicóptero de reposto cando hai unha avaría. Unha vez este ano, o aparello de Santiago chegou a estar inoperativo por falta de combustible.
Aínda non hai pregos do novo concurso
Isto parece que colmou a paciencia da Xunta, que, tras abrir 77 expedientes e impor varias penalizacións á contratista, anulou a concesión en marzo. Aínda que a Fundación anunciou o 1 de abril que “estase a traballar non nova licitación para poder adxudicar a prestación deste servizo á maior brevidade posible”, o seu pefil do contratante aínda non publicou ningún anuncio respecto diso.
A pesar da resolución do contrato, Eliance ten a obrigación de seguir prestando o servizo mentres non se resolve a nova adxudicación. Á vista do que está a pasar, non parece que nin as penalizacións aplicadas pola Xunta -que supuxeron 16 multas por valor de máis de 145.000 euros - nin a retirada da concesión sirvan para liquidar o problema. Segundo denunciaron reiteradamente sindicatos como CIG, á compañía sálguelle máis barato pagar as sancións que traer outro helicóptero.
Con este panorama, cando estará operativa a aeronave de Conxo? “Segundo a empresa estará a mediados de semana, pero non ou cremos”, indican os traballadores da base do Hospital Provincial, que temen que “isto vai para longo”.
Desde o 061, portavoces oficiais indican que, como é a súa obrigación, a empresa achegou unha ambulancia de soporte vital avanzado. En Compostela adoita haber dous, agora hai tres, di a Xunta, unha delas operada polo equipo médico que habitualmente voa no aparello avariado.
Aumento do tempo de resposta
Con todo, é evidente que ningunha ambulancia terrestre ten a capacidade de reacción dunha aeronave. Dado que o helicóptero de Ourense ten que cubrir toda Galicia, os tempos de reación aumentan.
“Ao estar inoperativo Santiago, toda a Costa da Morte está a 35 minutos do helicóptero de Ourense, Ferrol e a cámara hiperbárica do Hospital Naval super lonxe e toda AP9 descuberta, un caos…”, advirten fontes sindicais.
Por exemplo, o tempo de voo do aparello desde CHOU até vilas como Cedeira rolda os 40 minutos. Iso é máis do que tardaría unha ambulancia terrestre en percorrer o traxecto entre Cedeira e o Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol.
"De sempre sábese que falta un terceiro helicóptero en Lugo, hai moitos anos pensouse en Vilalba"
Existe a posibilidade, ademais, de que o helicóptero de Ourense non sexa unha opción, se a emerxencia sucede cando a aeronave ourensá está en servizo por outro accidente. Os traballadores sinalan que “de sempre sábese que falta un terceiro helicóptero en Lugo, hai moitos anos pensouse en Vilalba, pero nunca se puxo, Galicia debería ter tres ou catro helicópteros para comparar a outras comunidades”.
Agora mesmo non hai catro, tres ou dous. Só un, o de Ourense. Oxalá o destino non faga coincidir dous sinistros nos que sexa imprescindible unha evacuación aérea.
Escribe o teu comentario