Nuno Pico (Grande Amore) presenta 'III': "Que nos chamen ruidosos non nos molesta; a impureza fascíname"

Nuno García Pico (Frexulfe, O Valadouro, 1995) é o vocalista de Grande Amore. Con mariagrep e Clara Redondo forma unha das bandas máis indefinibles e con máis proxección da escena galega. Con motivo da publicación de 'III', o seu último álbum, o artista atende a Galiciapress para charlar sobre o proceso creativo, a mala sorte que parece acompañar á formación compensada con golpes inesperados de fortuna, da boa saúde da escena galega e da enerxía dos seus directos que conseguen levar a este disco.


|

Grande Amore
Nuno Pico, mariagrep e Clara Redondo conforman Grande Amore

 

Ao revés do que cabería esperar polo seu estilo sobre o escenario, Nuno Pico preséntase sen estridencias e sen facer ruído. Sen coñecelo poucos dirían que detrás dese sorriso e da barba recortada está un dos maiores axitadores da escena galega e nacional. Ao vocalista de Grande Amore, un dos grupos revolucionarios de Galicia, só é delatado pola chupa de coiro e a camiseta da película ‘Dawn of the Dead’, indumentaria que indica de que estamos ante o rockeiro corresponsable de ‘III’, o último traballo da banda. Este ‘III’ é unha homenaxe aos seus admirados Led Zeppelin no nome e unha forma de pechar o círculo tras os seus dous primeiros traballos, pero o cantante asume “que a xente o vai a chamar como queira”, pois no momento en que sae á luz e chega ao público un pedaciño deixa de pertencerlle a el e pasa a formar parte dos oíntes. 

 

O DISCO QUE É E O QUE PUIDO SER

Co disco xa na rúa, Nuno diferencia a este LP dos anteriores porque neste traballo “a guitarra é protagonista, ten máis presenza que nunca”. “Era o que buscabamos, reflectir nunha gravación o que sae nos nosos directos desde que se incorporou Clara ao grupo, porque orixinalmente tirabamos pola distorsión, o ruído, porque como guitarristas podemos ser limitados, pero o bo do ruído é que non só disimula esas imperfeccións, senón que as potencia para ben”, reflexiona o vocalista, considerando que non poderían tocar “como Paco de Lucía”, aínda que tampouco o pretenden como se pode ver no resultado final deste novo traballo. 

 

A clave para que o disco sexa como é está alén do estudo de gravación. No acuario, con Jacobo Naya, foi onde xurdiu a maxia “polo traballo de produción tan bo de Jaco, que ten unha sensibilidade capaz de captar o que queremos transmitir e darlle unha volta para deixalo puído cunha dedicación profesional incrible”. Tan superlativo foi o seu traballo que agora teñen que facer deberes e ensaiar algúns temas para deixalos á altura da pátina que lle imprimiu o produtor “nunha versión moi mellorada do que aspirabamos”. 

 

 

Na enxeñaría de son e a mestura estivo Carles Campi, pero non todo o mundo sabe que ía ser un nome de lenda como Steve Albini o que xogase un papel neste ‘III’ de Grande Amore. Só a morte apartou a Nuno dese soño, un de tantos que se lle escapan á banda por unha especie de mal de ollo do que non se sacoden pois “as cousas que buscamos de maneira activa non suceden, pero ocorren outras aleatorias que non esperamos”. 

 

“Sabía que La M.O.D.A. -da que Jacobo Naya foi integrante- gravara con Albini. Pregunteille pola súa experiencia, por curiosidade e como fan de Shellac (a banda de Albini). Non sabía que de aí nos ían a propor ir a Chicago a mesturalo no seu estudo”, lembra o vocalista. 

 

Sería ver cristalizada unha desas ilusións fugaces que compartiu tantas veces no local de ensaio cos seus colegas. “Falabamos do guay que sería. Pero é unha cousa que dis con 20 anos como dicimos que molaría que entrase alguén cun cheque en branco. Non ocorren esas cousas”, acepta. Con todo, desa fantasía saíu un correo e unha proposición. “Pensabamos que non ía dicir que si. Tiña fama de que era moi taxativo: se lle interesaba ía a lume contigo e dábache facilidades; se non, nada”. Pero Albini debeu de ver algo neste tridente galego e abriulles a porta, aínda que tristemente un ataque ao corazón esnaquizou ese conto de fadas.

 

Para Nuno, que toma as cousas tal e como veñen, o mellor é non darlle moitas voltas. “Campi fixo un traballo brutal. Non me imaxino un resultado distinto. Até penso que menos mal que o fixo el, porque sen a súa man sairía outra cousa”, razoa, puntualizando que “o cerebro nunca deixa de imaxinar todos os escenarios posibles”. 

 

FASCINADOS POLA “IMPUREZA”

Pero o universo no que nos atopamos é este no que o público atopa en ‘III’ un son que lembra a Grande Amore, que identificas con Grande Amore pero que, ironicamente, é diferente ao anterior, quizais por todo ese peso que gaña o rock puro co dominio das guitarras sobre outros arranxos. “Queriamos despegarnos dese son propio que nos poida acompañar. Non por nada, senón porque Grande Amore empezou sendo un proxecto de electrónica de maneira circunstancial, non unha obra dedicada a ese xénero”, explica Nuno, salientando de maneira case reverencial a admiración que lle esperta os “verdadeiros eruditos e entendidos de electrónica”, cando el di ser pouco máis que un fan ao que lle gusta fuchicar cos ritmos.

 

Desa inquietude e o querer probar algo novo pola súa conta naceu o xerme de Grande Amore que agora só se pode entender coas incorporacións de mariagrep e Clara Redondo ao longo deste percorrido de máis dun lustro. Sobre o escenario, da imaxe dunha especie de home orquestra capaz de chegar a todos os recunchos dos primeiros directos con “sons punkis, acelerados”, saltouse a unha formación na que María se encargaba da parte electrónica a un trío con Clara rasgando as cordas da súa guitarra.

 

 

“É outra desas cousas que aparecen. Empecei só co sampler e ao principio podería impactar. Pero sorprende a primeira vez, logo xa é difícil tanto para ti como para o público. Coñecía a María do seu traballo con Cool Nenas e propúxenlle delegar esa parte. Despois de 50 concertos pensamos en meter máis xente e dixémosllo a Clara, á que coñeciamos moi por riba. Nin eramos un grupo de amigos que formou unha banda nin é un caso de músicos contratados, é algo que xorde e fómonos facendo moi amigos e, casualmente, hai unha química entre nós que é o máis especial que temos porque é difícil atopar a dúas persoas que se involucren tanto neste proxecto sendo como son eu unha persoa tan neurótica coa música, porque lle dou voltas a todo canto fago”, relata.

 

Desa ruidosa trinidade xorde o que coñecemos hoxe como Grande Amore, que non descree esa etiqueta de “ruído” que sempre segue ao seu nome, chegando a abandeirar o mesmo termo que os reivindica como un grupo arriscado e sen complexos. “Para nada moléstanos e é unha acepción positiva. Sempre me gustaron grupos como Sonic Youth ou Spacemen 3, con esa impureza que me fascinaba, algo que me provocaba unha pulsión especial”, reivindica, conectado á súa vez con “grupos máis viscerais, New York Dolls, Ramones, Misftis…reflicten un caos que sempre me gustou moito”. 

 

WhatsApp Image 2025 03 13 at 12.15.44 (1)
Nuno Pico na entrevista con Galiciapress

 

Desa querenza polo noise rock sae a propia descrición que fan desde o selo Ernie Records, onde recalcan que son “os máis ruidosos”. “Noto que dun tempo para acó hai unha evolución na calidade de son, mesmo na que se pode conseguir desde a casa dun mesmo con rapaciños que fan cousas que fan que me voe a cabeza do ben que soan. Pero hai unha tendencia á pulcritude, pois cada xeración busca un estilo, pola que me apena que se perda esa parte incorrecta”, considera.  

 

GRAVAR CON NACHO VEGAS E DAVID RUIZ

No entanto, no medio dese bulebule hai momentos que descobren marabillas como ‘Ti máis eu’, un tema breve pero dunha gran emoción contida xunto a Nacho Vegas, unha unión que non parece lóxica co universo de Grande Amore pero que empasta que dá xenio. “Queriamos unha harmonía sesenteira, romántica, só coa guitarra e as voces, unha especie de balada nosa… Parecíanos interesante”, detalla sobre ese proceso de composición ao que se terminou sumando Nacho Vegas practicamente por ciencia infusa.

 

“A parella de Jaco traballara con Nacho. Escoitou o que tiñamos gravado e pensou que nese tema iría ben a súa voz. A canción era só un esbozo e díxonos de mandarlle unha proposta a Nacho. Só puxen dúas condicións: que llo dixese ela e que cando nos rexeitase non me dixese a verdad e así non poñerme triste”, conta Nuno con graza. Pero Nacho non dixo que non e achegouse a esta aventura de maneira moi proactiva. 

 

Desa experiencia destaca a humildade de Nacho Vegas, “un tío cunha carreira enorme e moi consagrado”. “Non quería que fose un compromiso, pero chegou moi implicado, traduciu a metade da letra ao asturianu. Choca ver que alguén así diga ‘se non vos importa, eu pensei que…’ Es Nacho Vegas! Fai o que queiras!”, di aínda sorprendido polo vivido. 

 

Tamén xunto a David Ruiz, cantante de La M.O.D.A., nace un tema especial, aínda que nesta ocasión foi o propio Nuno o que falou co burgalés, co que mantén unha boa amizade despois de coincidir en varios festivais, para esta colaboración en ‘Se che volvo a ver’. Cos castelanleoneses preparando un novo disco, algún pode esperar que Grande Amore apareza por esas terras. “Molaba!”, di sen vacilar, pero sen dar moitas pistas sobre si hai plans de futuro neste sentido. “Tanto con David como con Nacho foi super sinxelo traballar. Tan sinxelo que me queda a sensación de si realmente pasou ou si foron os seus imitadores”, medita. 

 

Os once temas compoñen unha historia que se conta na mesma estética do LP, pois a portada é a casa na que medrou en Frexulfe, O Valadouro, mentres que a portada é o camposanto da parroquia, un tránsito entre a vida e a morte que homenaxea á súa vez a Black Sabbath pero tamén á súa familia con ese percorrido interior pola vivenda que nos mergulla no arquivo atávico de Nuno, que enfila xa a trintena e comeza a facer un repaso do vivido até agora aínda que sexa de maneira inconsciente.

 

 

Entre os éxitos conquistados están todos os amigos que se atopou no camiño, como ocorre en Arzúa , municipio co que ten unha vinculación especial e que forma parte do disco con ‘Vou pa Arzúa’. Unha chamada á poboación encheu o Pedrito de figurantes para a gravación do seu último videoclip, que sairá pronto a luz. “Houbo sorte porque chegou a cantidade perfecta de veciños para poder gravar”, estima.

 

PEGADA FÓRA DE GALICIA

Tras a filmación o fin de semana pasada chega un tour que levará a Grande Amore até Ourense e Lugo este fin de semana, pero as seguintes datas na primavera son en Murcia, Alacante, Madrid, Zamora ou Oviedo, o que fala e moi ben da boa acollida de Grande Amore en todo o territorio.

 

 

“Temos moita sorte. Por unha banda en Galicia tocamos moitísimo, pero o proxecto funcionou moi ben fóra de Galicia. Se seguísemos tocando en tantísimas datas como ao principio teriamos á xente aburrida. É algo difícil de explicar ou de entender, pero sentimos moi afortunados e queremos aguantalo canto poidamos”, celebra Nuno. 

 

Ten sentido que Grande Amore traspase fronteiras pois os seus directos son toda unha experiencia onde a súa enerxía se traslada ao público, que xoga un papel moi importante no desenvolvemento da actuación. Desta forma, sen necesidade de entender a letra, a electricidade conquista a calquera auditorio, o que explica en certa medida a cantidade de datas máis aló de Pedrafita. 

 

Non cambiará esa conexión co público na próxima xira xa que é a maneira natural que teñen Nuno, María e Clara de entender a súa arte. “No noso caso é inevitable. Si que tentamos facelo menos performático e máis musical. Pero algo na nosa enerxía depende moito do público. Eu admiro a eses grupos que tocan, sen importar o sitio nin o ambiente, e manteñen o nivel de euforia de principio a fin. A súa entrega non depende da xente e iso provócame certa envexa, porque no noso caso é ao contrario, dependemos moito dos espectadores”, disecciona o do Valadouro.

 

Esa tese empata cunha frase que se converteu no leitmotiv da banda, que é “o noso instrumento é a nosa actitude”, sendo conscientes os tres dese peso e da importancia de tirar uns doutros, algo que ocorre no conxunto da escena galega, onde nesta nova onda de artistas parece que existe un clima ideal para a aparición de bandas que apostan pola lingua galega como canle para expresar. 

 

“Moita xente escóitanos por afinidade, outra polas letras e por compromiso coa lingua. Temos que ser conscientes de que é así e que non se trata de que nesta xeración sexamos os elixidos, pero si hai máis demanda de música en galego e púxose en valor esta corrente porque o público pon moito da súa parte”, medita Nuno. 

 

8. Grande Amore   u00a9 Esther Estu00e9vez
Grande Amore

 

Nesa liña, cre que agora é “un momento doce” pero que a historia é “pendular” e que antes era moito máis complicado, co exemplo de bandas icónicas como Terbutalina, Ataque Escampe ou Sés que, como di Nuno, “sacharon moito” para abrir camiño. Aquí seguramente conflúen varios elementos, como o feito de que agora existen máis plataformas que permiten catapultar aos novos artistas que xa non teñen que estar sostidos por un selo ou o feito de que se superou a etiqueta de relacionar a música do país co folclore ou un punto cultureta. 

 

A xuízo de Nuno son moitas cousas e merece un estudo moito máis mesado, pero cre que esa reflexión “deberá chegar dentro de quince anos, cando poidamos velo con máis perspectiva”. “Vemos a Os Resentidos como algo desfasado só por unha cuestión de tempo, porque seguen sendo moi actuais. Polo mesmo, hai unha gran reivindicación identitaria na mestura do tradi coa electrónica e segue existindo a música combativa. Había festivais onde o único grupo en galego era NAO, e de non ser por eles…”, enumera, entre todos os elementos que hai que ter en conta.

 

“HAI UN ECLECTICISMO QUE ME COSTA VER FÓRA”

No que si coincide é en algo que destacaron artistas como Catuxa Salom, The Rapants, Mondra ou Fillas de Cassandra conversando con este diario: o bo rollo existente en toda a escena galega. “Eu é que non coñezo outra cousa”, recoñece, “pero somos proxectos todos moi diferentes, hai un eclecticismo que me custa ver fóra”. “Talvez haxa menos nicho que noutras partes, pero hai unha gran sensación de pertenza”, considera. 

 

 

Esa boa relación pódese comprobar en todos os festivais de Galicia onde se dan cita os grupos consagrados e emerxentes. Para verán podemos esperar algunha novidade de Grande Amore en forma de concerto, que xa se fixou unha meta para o 31 de outubro na Sala Capitol no que será un show moi especial con máis dunha sorpresa. 

 

“Descansar non imos poder descansar moito. Hai moitas datas por diante e en abril imos ir por primeira vez a Portugal. Algúns festivais de verán están anunciados, outros anunciaranse…a nosa forma de vida é tocar, gústanos, e agradecemos que poidamos seguir nesa dinámica. Non quero facer predicións de futuro porque cando penso que hai un mes con descansos logo non. Hai que aproveitar esa dinámica mentres se poida”, gabia Nuno. Pois que a roda siga virando con este ‘III’, porque iso dará pé ao ‘IV’, ao ‘V’, ao ‘VI’ e a todos os números romanos cos que siga sumando música coa que facer moito ruído Grande Amore. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE