“Imos morrer todos”: o aviso dos sen fogar que viven xunto á vella estación de Vigo
O xoves seis de febreiro a Xunta de Galicia anunciaba o valado perimetral da antiga estación de buses en Vigo, unha “solución” que o goberno galego anunciaba para evitar problemas de “vandalismo”. Ao día seguinte, o alcalde de Vigo sinalaba o espazo agora en desuso como un “foco de marxinalidade” e “un risco serio para unha zona enteira da cidade”. De momento, as doce persoas que usaban a estación como refuxio, non recibiron ningunha solución habitacional
A vella estación viguesa de buses situada na Avenida de Madrid converteuse nun novo elemento de fricción entre Concello de Vigo e Xunta de Galicia. Non só por asuntos competenciais senón pola presenza de persoas sen fogar nas inmediacións do edificio. Este grupo de persoas (doce segundo a Asociación Vos Ninguéns) fixeron saltar as alarmas entre as dúas institucións e buscan apuradamente unha solución. A primeira e máis taxativa, pechar o perímetro do lugar cun valo, algo que a Xunta debe contratar e así fará “o máis axiña posible”. Mentres tanto, o Concello presidido por Abel Caballero engadiu máis polémica ao cualificar a presenza dos “sen fogar” como “un foco de marxinalidade” e “un risco para unha zona enteira de Vigo”. Xunta e Concello non achegaron solución algunha para o reacollo das persoas sen fogar que viven na área, de momento só intensificouse a presenza do Grupo de Rúa do Albergue Municipal.
“INTRUSOS, OKUPAS, VANDALISMO E MARXINALIDADE”
A pintada “Imos morrer todos” aparecida nunha das paredes da estación é, a ollos da Xunta, unha mostra do “vandalismo” que nestes momentos está "a cebarse" sobre a edificación. Esta situación está a darse pola presenza de persoas que en calquera momento pódense converter en “intrusos” para o executivo presidido por Alfonso Rueda. Aínda máis, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, calificaba a estas persoas de “okupas” e que supoñen un “perigo” ante un “uso indebido” destas instalacións abandonadas que son “un foco de marxinalidade” ante a inacción da Xunta.
“Realmente, ninguén vive dentro da estación, son persoas pobres que se instalaron nos arredores” din desde a Asociación Vos Ninguéns de Vigo. Esta asociación puxo no punto de mira a este grupo de persoas sen teito para que as autoridades actúen mediante accións de reacollo. “Son persoas golpeadas economicamente, sen ingresos e sen alternativa habitacional como poderían ser pensións, habitacións ou pisos compartidos”. O estado de exclusión social no que viven estas persoas empuxoulles a buscar refuxio na vella estación.

Non existe un perfil concreto entre o colectivo afectado polas medidas de Xunta e Concello. “Hai persoas menores de trinta anos, hainos con sesenta e a procedencia tamén é diversa, desde españois a latinoamericanos e persoas de etnia xitana”. En canto a adiccións, desde Vos Ninguéns apuntan que en principio non se detectaron. Preguntados sobre o incremento de presenza policial, a resposta é que non se viu maior número de policías. O que si aumentou é a intensidade de visitas do Grupo de Rúa do Albergue Municipal para repartir mantas e bebidas quentes.
Actualmente, Vigo dispón dun albergue con trinta e oito habitacións que resultan insuficientes, pois a día de hoxe calcúlase nunhas duascentas persoas as que viven en situación de rúa na cidade. A gran maioría quedan ás portas dunha solución, aínda que sexa temporal. Por outra banda, hai case un mes Abel Caballero anunciaba a posta en marcha dun dispositivo contra o frío para que as persoas en situación de rúa puidésense acoller a esta iniciativa. “A estes moradores (da estación) non lles ofreceron ningunha alternativa”.
URBANISMO, COMPETENCIAS E APOROFOBIA
Unha vez clausurada a terminal da Avenida Madrid, Xunta e Concello de Vigo iniciaron unha pequena liorta sobre a titularidade dos terreos. Así, Cabaleiro sinalou que a superficie foi cedida gratuitamente polo consistorio vigués ao goberno galego para levantar a estación. Debido a isto, o alcalde pediu á Consellería de Vivenda que se revertesen os terreos á municipalidade.
O argumento basee para que Cabaleiro reclame os terreos é que neles xa non funciona unha estación e por tanto, “por razóns xurídicas”, deben ser devoltos ao municipio. Por outra banda, mentres non se produza a devolución, é a Xunta quen debe “#encargar de que aquilo estea libre desa situación que teñen neste momento”, é dicir, evitar a presenza de xente sen fogar.

Os proxectos duns e outros van desde a construción de novas edificacións, segundo a Xunta, ou a creación de áreas verdes para humanizar a Avenida de Madrid. Sobre isto último, Cabaleiro fai saber ao goberno autonómico que “non respondan negándolle á cidade unha vez máis os dereitos que temos”.
O comportamento das dúas institucións titulares do uso e propiedade dos terreos é cualificado por Vos Niguéns como un acto de “aporofobia”. Un ataque ás persoas polo feito de ser pobres e sen recursos suficientes para ter unha vida digna. A asociación cívica ve como as administracións implicadas están a pasarse unha pataca quente que ningunha quere comer e así ata que arrefríe e póidase ignorar. De momento, non hai unha solución inmediata para axudar a estas persoas a reconstruír as súas vidas.
Escribe o teu comentario