Carlos Lozano: "O franquismo apropiouse de pensións a presos españois que estiveran en campos de concentración"
Carlos Lozano é investigador e profesor. O pasado día 31 de xaneiro participou no acto organizado pola Comisión Executiva Municipal do PSdeG de Ourense conmemorando o Día das Vítimas do Holocausto. Na súa intervención, Carlos Lozano trouxo á memoria aos máis de 200 galegos que pasaron por campos de concentración nazis, sobre todo en Mathausen. Debullou os motivos polos que estas persoas caeron en lugares como ese campo e tamén como aínda despois de pasar fatalidades, deberon sufrir o esquecemento e mesmo o espolio da ditadura franquista e de xente sen escrúpulos.
-Cando se empeza a ter noticias da presenza de galegos nos campos de concentración nazis?
As primeiras noticias chegan despois da invasión alemá a Francia en 1940, aínda que o goberno franquista tiña noticias sobre a existencia destes campos. O propio goberno nazi preguntou ao goberno español que facer cos exiliados españois instalados en Francia despois da Guerra Civil e que xa estiveran en campos de concentración franceses na costa mediterránea ou en Bordeus. A resposta do réxime franquista foi que as mulleres e os nenos si podían volver pero os homes podían quedar nos campos. Cabe lembrar que moitos destes españois pasaron a formar parte da Resistencia francesa e de brigadas de traballo. En total, ao rededor de 10.000 españois acabaron en campos de concentración, especialmente no de Mauthausen. Todo isto sabíao o goberno franquista pero non se falou deste asunto durante a ditadura.
-O feito de que fosen exiliados pola Guerra Civil estaba detrás dese silencio.
Si, e é un tema que se tratou no libro Galicia en Mauthausen, no que colaborei e que é obra de Alba Garrido e publicouse en 2023. Nesta publicación apúntanse dúas tendencias entre os prisioneiros galegos. Primeiro, aqueles que xa estaban noutros puntos de España por mor da emigración e que en 1936 a guerra píllaos na zona controlada pola República e que finalmente se exiliaron en Francia ou no Norte de África. Despois estaban aqueles que fuxiron de Galicia durante a Guerra e tamén acabaron en campos de concentración. Non coñecemos a afinidade política dos 200 galegos pero si se lles supón afinidade coa República á gran maioría e a outros foron os acontecementos o que lles levou a acabar nesa situación.
-Pero antes pasaron por campos de concentración franceses cando cruzaron a fronteira con Francia.
Si, e este é xa un tema moi estudado. Francia montou campos de concentración na costa dos Pireneos orientais tras a caída de Cataluña e alí levaron a uns 300.000 españois que pasaran a fronteira en condicións moi difíciles. Algúns dos galegos que pasaron a Francia estiveran loitando nas Milicias Populares Galegas en Madrid ou no Batallón Galego en Asturias. O desprazamento da liña da fronte íaos empuxando cara ao Mediterráneo e outros estaban dentro do territorio republicano en xullo de 1936. Tamén houbo casos de persoas que empezaron a loitar forzados no bando sublevado e ao final acabaron pasar á beira republicano.
-Existían prisioneiros xudeus españois ou con nacionalidade española?
No traballo que realicei coa tamén investigadora Alba Garrido, soubemos que entre os 200 ou 210 casos de galegos que se coñeceron non atopamos a ningunha persoa vinculada á fe xudía. Con todo, non se pode descartar que si houbese xudeus dentro do abanico dos 10.000 españois ingresados aos campos.

-En canto á afinidade ideolóxica destas 200 persoas xa dixeches que é difícil de saber. Con todo, a súa lealdade á República é un indicativo de oposición a un golpe de estado contrario ao réxime republicano.
Habería que buscar afinidades comúns entre eses 200 prisioneiros. O estudo que realizamos foi máis desde a perspectiva da ciencia histórica que da memorialística. Isto quere dicir que non se poden dar por sentado moitas suxestións aínda que de entre eses presos coñécense de certo unhas 30 afiliacións políticas, por iso sabemos que había xente da CNT, UXT ou socialistas, algo que ás veces ía en función da área de onde procedían. Por exemplo, do PCE eran sobre todo da zona de Arousa, da CNT moitos procedían da Coruña e do PSOE había moitos de Ourense. Non se pode afirmar que houbese unidade ideolóxica pero si é moi probable a súa afinidade á República pero xa digo, en varios casos foron as circunstancias as que os levaron a esa situación.
-E aínda así tiveron que exiliar a pesar de ser as circunstancias as que colocaron a esa xente nunha situación incómoda.
Quen se exilian ou tentan fuxir é porque entenden que o futuro no novo estado franquista non vai ser magnánimo con eles, entenderíase entón que pensasen: “mellor un campo de refuxiados que estar en Cataluña ou en Galicia”. Tamén existían casos de persoas exiliadas economicamente, emigrados, e a guerra levounos a vivir esa situación.
-No caso dos 200 galegos en campos nazis, estaban todos en Mathausen ou se repartiron por outros lugares?
A imensa maioría dos españois capturados polos nazis acabaron en Mathausen pero tamén se coñecen casos en Dachau, tamén algún caso en Noruega, pero na súa maioría acabaron no primeiro campo mencionado.
-Era onde moitos deles acabaron construíndo unha escaleira enorme en pedra?
Si, a chamada 'Escaleira da Morte', que levaba a unha mina e nela facíanlles cargar con pedras de moito peso. É un lugar coñecido sobre todo pola brutalidade que se cometeu nese lugar.
-Houbo sobreviventes nesas condicións?
As cifras son moi parecidas no caso galego e español. Máis da metade faleceron alí e a maior concentración de mortes produciuse entre os anos 1940 e 1942. A razón está en que, aínda que primeiro foron campos de concentración, despois pasaron a ser de exterminio. Mathausen foi o primeiro campo de traballo que se abriu na Alemaña nazi en 1938, este lugar está hoxe en día en Austria. A característica máis destacada deste campo é que primeiro foi destino para opositores políticos. A partir de 1942 a necesidade de man de obra levou a unha mellora nas condicións e tampouco entraron tantos españois. A gran entrada de españois prodúcese en 1940 coa chegada dos 927 españois capturados en Angulema e enviados a este campo de Mathausen. Morreron máis da metade, sobre todo nos dous primeiros anos para ser man de obra escrava e construír infraestruturas como túneles até a caída do réxime nazi. Ao final, dos 200 galegos sobreviviron un pouco máis da metade.
-Quen liberaron Mathausen, os aliados occidentais (#EE.UU, Reino Unido e Francia) ou a Unión Soviética?
O exército dos Estados Unidos foi o que liberou o campo, de feito, a foto máis famosa da liberación de Mathausen é cando entran as tropas americanas e hai un cartel que di “As tropas antifascistas españolas saúdan ás forzas liberadoras”. Finalmente, esa zona quedou baixo dominio occidental pero a Unión Soviética foi que se mantivese en pé o campo e crear un memorial. Hoxe en día hai numerosos memoriales, estruturas, lembrando ás diferentes nacionalidades que pasaron por alí. Tamén hai un monumento español, o único que non foi financiado polo seu estado senón que se levantou con fondos do goberno da República no exilio grazas a doazóns de persoas exiliadas como desde dentro de España clandestinamente porque o franquismo nunca recoñeceu esa situación.
-Unha vez liberados os campos de concentración, sábese que sucedeu cos sobreviventes galegos?
Si, si. Moitos deles xa tiñan unha traxectoria profesional coñecida e outros estiveran en compañías francesas pero, por unha banda, non podían volver a España porque o franquismo non os recoñecía ao ser exiliados políticos. Ademais, a situación na que se atopaban, pois algúns aínda permaneceron uns meses nos campos ata que foron recolocados. A gran maioría dos sobreviventes instaláronse en Francia onde refixeron as súas vidas, a moitos se lles recoñeceu o feito de combater e de ser prisioneiros, outorgóuselles unha pensión e algúns recibiron a Lexión de Honra, sobre todo aqueles que formaron parte da Resistencia, ou os que traballaron na Compañía de Traballadores Estranxeiros que máis tarde formarían a Nove, a primeira compañía que entrou en París para liberalo. Incluso o propio Estado alemán enviou unha pensión a familiares de persoas que morreron en campos de concentración pero a ditadura franquista apropiouse desas pensións.
-Con que medios legais ou alegales fíxose o franquismo con esas pensións?
O estado franquista lexitimouse sobre unha vitoria nunha guerra e os exiliados eran o inimigo. Con todo, o caso que coñezo é o dunha familia galega que recibira unha carta, acudiron a informar a un avogado que desapareceu cos papeis e nunca se soubo desa pensión.
Escribe o teu comentario