Comisións Obreiras cifra en jun 80% o seguimento do primeiro día de folga no Concello de Ourense
O sindicato celebra o seguimento "masivo" neste paro no que se respectaron "sen ningún problema" os servizos mínimos.
Había moita espectación en Ourense por saber como afectaría a folga dos traballadores do Concello ao correcto desenvolvemento da cidade, que até o martes 5 de novembro funcionará a medio gas. E é que o seguimento desta primeira xornada de folga á que estaban chamada os profesionais tras a convocatoria dos sindicatos #CSIF, S.P.P.M.E., #UXT, #CIG e CC.OO. contou cun seguimento do 80%, segundo informan desde Comisións Obreiras.
SEN MANIFESTACIÓN PERO CO PANORAMA
Foi este sindicato o que achegou cifras dun paro que tivo un seguimento "masivo para todos os efectos". Na mesma liña, detallan que os servizos mínimos decretados "respectáronse sen ningún problema", despois de que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, acusase aos folguistas de querer boicotear a véspera do Día de Todos os Santos pechando os cemiterios, suxestión que despachou o presidente da Xunta de Persoal, Javier Novoa, nunha conversación para Galiciapress.
"Comprobamos que varias oficinas estaban pechadas ao público como Rexistro e noutras só había un auxiliar como din os servizos mínimos", abundan desde Comisións Obreiras, á vez que puntualiza que, por respecto das vítimas da DANA, desconvocáronse as concentracións.
En contraposición, lembran que Jácome non foi igual de considerado e "deixará tocar á Orquestra Panorama aínda que superemos os 150 falecidos en Valencia".
"O vindeiro luns o alcalde escoitaranos, así como o presidente da Deputación, dado que segue a folga e haberá manifestación desde a Subdelegación do Goberno, pasando pola Deputación e terminando na Praza Maior", lembran, instando ao líder de Democracia Ourensá a negociar asuntos crave como o proceso de estabilización ou os atrasos salariais, entre outros.
Escribe o teu comentario