Acode a comisaría a realizar un trámite e acaba denunciada por "faltar ao respecto" ao demandar atención en galego
A Mesa reclama garantías para que a cidadanía poida ser atendida en galego nas comisarías.
O último informe de' A Liña do Galego' deixou patente as lagoas que aínda existen na administración pública e outros ámbitos á hora de que a poboación poida ser correctamente atendida en galego. Un exemplo atopámolo nas comisarías de policía, onde A Mesa pola Normalización Lingüística pon agora o foco ao demandar as medidas necesarias para que se garanta o uso do galego nestas instalacións.
DENUNCIA
Faio despois de recibir a queixa dunha veciña de Pontevedra que foi acusada, segundo refire A Mesa, de" faltar o respecto á autoridade" por insistir no seu dereito a poder expresar e ser atendida na lingua do país. O axente co que discutiu a afectada dixo non entender o galego e cuestionou ese dereito nas institucións públicas.
A denunciante, que tivo que acceder a cambiar de lingua -aínda que, asegura, "o axente continuou obstaculizando o proceso"-, pero deixou sen realizar o seu trámite e decidiu volver noutra ocasión para presentar unha queixa ante alguén que si entendese o galego, "momento no axente interpuxo unha denuncia contra a muller" por "faltar o respecto á autoridade".
"Os dereitos linguísticos son parte dos dereitos humanos", indica Marcos Maceira, presidente da organización, que convida aos axentes a "defender" eses dereitos. Ao tempo, a plataforma pide ao Ministerio do Interior que informe "a todas as forzas e corpos de seguridade do Estado dos dereitos que deben defender e propón que se elabore unha campaña específica animando a usar o galego nas relacións con estes corpos".
Escribe o teu comentario