Educación seguirá as directrices de Sanidade para evitar contagios por gripe nas aulas
O departamento que dirixe García Comesaña non ha decidino nada sobre centros escolares
A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades está "á orde" as decisións que puidese adoptar, chegado o caso, o departamento de Sanidade para mitigar o impacto da gripe e doutras infeccións respiratorias a partir da volta ás clases este luns, 8 de xaneiro, tras o parón do Nadal.
A preguntas dos medios este venres en Santiago, onde participou en ofrendas florais ante as tumbas de Val-Inclán e a Isaac Díaz Pardo, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, recoñeceu que a semana pasada houbo unha conversación "absolutamente informal" respecto diso co seu homólogo en Sanidade, Julio García Comesaña.
Iso si, polo momento non hai ningunha decisión tomada para o ámbito escolar en específico. "Quero ser cauteloso en calquera tipo de declaración para non xerar ningún alarmismo pero tampouco para non estar atentos ao que poida pasar", engadiu Rodríguez.
O titular do departamento educativo da Xunta insistiu en que é Sanidade o departamento que ten "o coñecemento e a competencia" para adoptar algunha decisión, como ocorreu coa pandemia de covid-19. Por agora, Román Rodríguez confía en que a actual situación quede "nunha gripe forte" e que "non aumente", tampouco nas aulas.
As medidas adoptadas polo Goberno galego ante esta tempada de infeccións respiratorias cínguense, por agora, ao ámbito sanitario, por exemplo a recomendación xeral do uso de máscaras en todos os centros do Sergas e a activación dos plans de continxencia nos hospitais ante a maior presión asistencial.
Escribe o teu comentario