"A río revolto ganancia de pescadores"

Se os acordos co SERGAS son escasos só é por vontade da administración do PP, que ten, nun caixón, as conclusións das 15 Comisións Técnicas do Consello Técnico de Atención Primaria de Galicia (único órgano que está no DOG para negociar co SERGAS)


|

   (Wikcionario= Obter beneficio dunha situación caótica ou confusa, 

especialmente si é de forma inxusta)


 

Despois do éxito da multitudinaria manifestación en Compostela, convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia (e non só polo BNG, como dixo o amortizado conselleiro de sanidade), teño que clarificar algunhas das posturas adoptadas por determinados colectivos que queren aproveitar a dinámica de protestas xeneralizadas en todo o país para conseguir rendementos particulares e profundar na privatización do Sistema Sanitario Público. Refírome aos Colexios de Médicos (que pagamos os colexiados e colexiadas de forma OBRIGATORIA); unha entidade anacrónica tal e como está concibida, integrada por persoas que non representan nin o 10% do colectivo e que coa súa política apoian de forma (deas)interesada as iniciativas do goberno do PP (á parte de vacacións en apartamentos en Benalmádena e campionatos de golf xunto con homenaxes aos Reis Meigos e rutas turísticas polo Estado español). Nunca os vemos defendendo os intereses dos traballadores e menos liderando iniciativas que supoñan melloras nas condicións laborais dos que traballan só na pública!

 

Tamén se apuntaron o éxito da Plataforma sindicatos minoritarios que se caracterizan por defender a iniciativa privada, parasitando o Sistema Público, e solicitando, día si e día tamén, poder traballar na pública e na privada (ademais de cobrar o complemento de exclusividade: que naceu para fidelizar aos traballadores da pública) contando co visto e prace dos Colexios Médicos e da administración do PP.

 

Tamén podemos incluír a aqueles colectivos que deron as costas á cidadanía e a Mesa de Negociación aberta entre o SERGAS e as entidades sanitarias en Galicia. Se os acordos co SERGAS son escasos só é por vontade da administración do PP, que ten, nun caixón, as conclusións das 15 Comisións Técnicas do Consello Técnico de Atención Primaria de Galicia (único órgano que está no DOG para negociar co SERGAS). De facerlle caso (e non só é diñeiro o que se precisa) teriamos un Novo Modelo de AP que estaría elaborado polos diferentes colectivos que participamos no Consello Técnico.
 

Non quero deixar de comentar, que a principal desculpa do SERGAS e do Sr. Rueda é a “falta de Médicos”: AMENTEN. Na convocatoria MIR 2023, o Estado oferta 8.550 prazas (a cifra máis alta desde que comezou este sistema) e presentáronse 12.250 licenciados. O propio sistema deixou fóra a 3.700. Pero en Galicia ofertou o Sr. Rueda 106 prazas (sen fase de oposición), presentáronse 350 (deixou fóra a 244…) e só entraron 90. Está claro que os profesionais, nas condicións actuais de precariedade e baixos salarios, non ven o seu futuro na AP...sobre todo na galega. E aínda temos que escoitar a desvergoña do Sr. Feijoo: “o PP quere gobernar: porque a sanidade, cando non funciona, o que fai é lista de espera. E a lista de espera é a maior privatización da sanidade". Ademais, están a convocarse as prazas en Galicia...das convocatorias ordinarias de 2020, 2021 e 2022 (que non se fixeron…); foron convocadas no DOG o 05/01/23. Inclúen, entre outras, 150 prazas de médicos de familia e 155 de facultativos especialistas de área: de xeito evidente insuficientes para as necesidades actuais
 

O PP goberna desde o 2009, ano no que a Débeda Pública era de 2.900 millóns de euros...no 2023: 12.000 millóns de euros… Gastaron 9.100 millóns máis do que ingresaron! Cada orzamento anual en Galicia é de 11.000 millóns de euros: a pregunta do millón é: que se fai con este diñeiro? Que hai máis importante que a saúde da poboación?
 

Os últimos datos de listas de espera no Sergas, están en 75 días para operacións e de 55 para consultas especializadas. En AP o propio Sergas admite que o 13% das citas de AP tardan máis de 4 días. E sen contabilizar os pacientes de “xa lles chamaremos”. Estes datos incumpren a propia Lei elaborada polo PP de “Garantía de prestacións sanitarias”. Pouco lles importan as propias leis cando non lles favorecen!

 

E que ocorrencia tiveron esta semana? Tentar eliminar a dedicación exclusiva dos médicos, para favorecer o traballo dos mesmos no sector privado. E nós dicímoslle que: trátase dunha actuación negativa (e ilegal) e que só terá beneficios para as empresas sanitarias privadas, é dicir, un paso máis na privatización do sistema sanitario público. O de que os Médicos “se xubilen aos 72 anos” é xa esperpéntico!

 

Como dicimos: amenten máis que falan!


 

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE