Trump explica o seu plan tras a detención de Maduro: EEUU quedará en Venezuela e co seu petróleo

O presidente de Estados Unidos fala dunha operación militar “sen precedentes” e asegura que Washington dirixirá o país até unha “transición axeitada”


|

 


 

Trump web
Donald Trump, no círculo superior esquerda, imaxe de Maduro

 


 

Na comparecencia máis esperada, que se produciu este sábado ás 17:00h (hora española), o presidente de Estados Unidos, Donald Trump, afirmou que o Exército estadounidense levou a cabo durante a pasada noite unha operación militar de gran escala en Caracas, que culminou —segundo as súas palabras— coa captura do presidente venezolano Nicolás Maduro e da súa esposa, Cilia Flores.


 

Nun discurso de ton triunfalista, Trump cualificou o asalto como unha acción “extraordinaria” e asegurou que se tratou dunha das demostracións de forza “máis potentes e eficaces desde a Segunda Guerra Mundial”. Segundo o mandatario, a operación deixou “sen capacidade algunha” ás defensas venezolanas e permitiu ás tropas estadounidenses tomar o control da capital, provocando incluso o apagamento de Caracas.


 
 

Trump asegura que EEUU quedará en Venezuela

Durante a súa intervención, Trump foi máis aló do anuncio militar e afirmou explicitamente que Estados Unidos permanecerá en Venezuela, tanto a nivel político como económico.

“Imos dirixir o país ata que se poida facer unha transición segura e axeitada”, declarou, engadindo que Washington non abandonará Venezuela até garantir un novo escenario de poder.


 

O presidente tamén asegurou que EEUU quedará co control do petróleo venezolano, ao que cualificou como un sector “desastroso” baixo o actual modelo. Segundo Trump, o seu Goberno levará a Venezuela ás grandes empresas petroleiras estadounidenses para “arranxar o sistema” e reactivar a produción.


 

Acusacións en Nova York e loita contra o narcotráfico

Trump afirmou que Maduro e a súa esposa foron acusados no Distrito de Nova York por unha suposta campaña de “narcoterrorismo contra os cidadáns”. Nese contexto, sostivo que a operación militar forma parte dunha ofensiva máis ampla contra o tráfico de drogas, asegurando que Estados Unidos eliminou o 97% das drogas que entraban por mar.

 

Maduro detenido
Maduro detido


 

Ameaza de novos ataques

O presidente estadounidense advertiu ademais de que o Exército está preparado para un segundo ataque “moito máis amplo” si fose necesario. “Estamos aí e imos quedarnos”, insistiu Trump, subliñando que ningún soldado estadounidense resultou ferido e que non se perdeu ningún equipamento militar durante a operación.


 

As declaracións reforzan o escenario de intervención directa e prolongada de Estados Unidos en Venezuela, co control político e enerxético do país como eixo central do plan anunciado por Trump.

 

Maduro estaba preparado

Durante a súa comparecencia, Donald Trump sinalou que Maduro tiña "bunkerizada" a súa residencia ante a posibilidade dun ataque. Así o describía o presidente dos EEUU na súa comparecencia: “A súa casa tiña portas de aceiro e un espazo seguro con aceiro sólido por todas partes". 

 

Ao parecer, segundo informou o propio Trump, o expresidente venezolano quixo escapar á intervención norteamericana, pero non puido. "Tentou entrar [na súa residencia], pero o agarraron tan rápido que non o logrou. Estabamos preparados con sopletes enormes para atravesar o aceiro, pero non os necesitamos”.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE