Ana Miranda: "debemos mobilizar a xente nova para que vote contra a ultradereita en Europa"
Ana Miranda é a candidata do BNG ao Parlamento Europeo e leva canda ela unha longa experiencia no lexislativo de Bruxelas. A día de hoxe, Miranda aposta por un voto de freo fronte o avance da ultradereita europea e para iso quere animar á xente máis nova para dar o seu voto a forzas progresistas. Doutra banda, cre que Galicia non ten voz abondo nas institucións europeas e proba diso son accións como o macroproxecto de Altri, as perdas en agricultura e pesca mais, sobre todo, na instalación de macroparques eólicos en terra e no mar. Quere que en Galicia se apliquen as normas europeas sobre o medioambiente e que os fondos europeos sexan mellor fiscalizados.
-O BNG está na coalición Ahora Repúblicas e as últimas enquisas auguraban entre dous e tres representantes. ¿Desde a súa perspectiva e experiencia como europarlamentaria cal é a análise que fai destes datos?
Nós traballaremos como candidatura cento por cento galega coa papeleta do BNG, a cal teño a honra de encabezar, e traballaremos para ter o escano propio do BNG. Ademais, cando nós estamos, Galicia ten relevancia na Eurocámara e defendemos os temas galegos nese espazo. Estamos traballando forte con tres semanas de precampaña e tres días xa de campaña recibindo moita emoción e moito amor de persoas do agro, dos e das mariscadoras, da mocidade onte e nas vilas. Entón vemos que a xente debera ter ese escano e iso danos forza. Por tanto, imos pelexalo en coalición porque é moi complicado poder termos representación por nós unicamente.
-¿Que elementos quere traballar o BNG nesta campaña e considera imprescindible non esquecelos?
Defendermos que Galicia teña unha voz propia no Parlamento Europeo, unha Europa social e por suposto da paz e antifascista diante do avance da ultradereita. Con todo iso, se nós somos un baluarte dentro do Parlamento Europeo foi pola defensa dos sectores produtivos, pola defensa da terra, do mar, da natureza e contra unha serie de ameazas como está sendo Altri nestes momentos. Foi tamén a defensa dunha industria que poida dar traballo, a defensa contra a precariedade e xa teño levado ao Parlamento máis de 5.000 persoas en todos estes anos, levo catro como eurodeputada, mais tamén durante a representación rotatoria que temos. Exactamente máis de 5000 representantes de colectivos e persoas que protestaban e denunciaban asuntos que necesitaban ser oídos en Bruxelas. Entre eles, vítimas do Alvia, colectivos ecoloxistas como é o tema de Altri, mocidade precarizada, preferentes, emigrantes retornados e por iso digo que tivemos a relevancia de ter sido a ponte co Parlamento Europeo e as institucións.
-¿Se unha soa deputada pode levar 5000 persoas a Bruxelas, como é que deputados de grupos maioritarios non acadaron cifras como estas?
Estamos cunha entrega total a defender Galicia en Europa, a defender os temas galegos e esa é a diferenza: nós estamos libres e a nosa prioridade é levar alí a xente para defender precisamente o país tal como fixemos hai pouco coa presenza aquí de mariscadores e mariscadoras. Nós, como escano do BNG non nos comparamos con ninguén, cada quen que faga o seu traballo, no noso caso as evidencias están aí. Cando hai tempo un deputado do PP falaba da irrelevancia do BNG, a verdade é que botei a rir. Que lle pregunten ás vítimas do Alvia, ás mariscadoras e mariscadores da ría de Carril, ás redeiras, ás Enfermeiras en Loita, sector do mar e outros. Sinto moito orgullo ter levado parte do país ao Parlamento Europeo.
-¿Que sensación transmiten estes grupos de persoas cando ven que están no Parlamento Europeo?
Habería que preguntarlle a eles e a elas. É algo moi útil, ven que ir alí axuda para mover cousas. Un exemplo manifesto son os mariscadores e mariscadoras da ría do Burgo, esta xente foi alí nove veces en concreto, eu vin como trinta veces á ría do Burgo, levei unha delegación da Comisión de Peticións do Parlamento. Ao final, conseguimos o dragado da ría por ir da man con eles, por presión, porque se trata diso, ir conxuntamente.
-Falando sobre o voto da xente nova, ¿como se poden achegar unhas eleccións europeas á xente máis nova para que participe porque poden sentilas distantes?
Nestas eleccións europeas vaise decidir moito sobre o futuro da xente nova como se se privatiza a educación, o acceso á vivenda con prezos sustentables para xente moza. Tamén están os alugueres, pois acabamos de ver como a Xunta parou os Alugueres da Mocidade, hai fondos europeos para apoiar aos máis novos. Tamén votar por unha Europa do respeto e contra o avance da ultradereita, contra o racismo, contra a xenofobia e o racismo e a homofobia. Precisamente, creo que son as eleccións europeas máis importantes en moitos anos porque existe a evidencia da extrema dereita e que pode avanzar. Un voto para o BNG é un voto menos para a extrema dereita, como demostrou a lei D'Hont está demostrado, algo que puidemos ver nunhas eleccións xerais onde estivo en disputa un escano para a ultradereita en Galicia. O voto da mocidade serve para que non emigre e estea nunha situación vital de protección porque vemos serias ameazas e non poden vivir peor do que vivimos nós, iso é o que ameazan as políticas de austeridade da Unión Europea. Un mozo tamén me dixo “preocupádevos da saúde mental”, creo que fun a única eurodeputada que levei temas de saúde mental relacionados coa mocidade. Debemos apoiar abrir espazos para a xente nova, hai fondos para apertura de espazos para os máis novos. Estamos con crecemento vexetativo cero e 200.000 mozos e mozas emigraron. Nós queremos dar unha Galicia con futuro e cando falo con xente nova expatriada vexo que queren participar no país e moitos queren volver. Non podemos formar profesionais en FP e outros campos e logo que os leven outros países europeos. Temos que crear vida aquí, tecido e futuro.
-Sobre os fondos europeos e en concreto os Next Generation, ¿estanse fiscalizando correctamente os que chegan ao Estado e, en concreto, aqueles destinados a Galicia?
Por unha parte temos os fondos ordinarios e os extraordinarios son outra. No caso dos Next Generation non pode ser que sirvan para destruír patrimonio, recursos, sectores produtivos e natureza, algo que acontece co proxecto de Altri. Queren instalar un proxecto onde hai un rural vivo, cunha denominación de orixe e aquí hai unha complicidade clarísima da Xunta e do Goberno estatal e tamén do señor (Pepe) Blanco coa súa construtora detrás para instalar esta macroplanta. Considero que un bo investimento dos fondos sería o saneamento das rías, tal como se fixo na ría do Burgo. Sería un obxectivo e non construír proxectos que poden destruír terreos e marisqueo nas rías. Para min están moi centralizados, non cumpriron cos seus obxectivos e danse nunha época de pandemia mais que pode haber unha volta atrás cando se retiren eses fondos e volvamos ás gobernanzas europeas de restricción.
-¿Como encararán no Parlamento Europeo a cuestión da planta de Alcoa?
Nós defendemos unha transición social e medioambiental xusta, algo que o BNG defende desde sempre. É evidente que hai un proceso de urxencia climática e en 2030 todos os estados deben cumprir unha serie de compromisos. O tema é que a Galicia póñenselle unhas condicións difíciles de cumprir e nin siquera nos escoitaron. No caso de Alcoa eles viñeron a Bruxelas, falouse de proxectos alternativos, estivo o comité de empresa, reunímonos con once comisarios en diferentes comisións. Agora estamos esperando a decisión que tomarán, son multinacionais, non poden andar quitando tecido produtivo.
-Sobre o tema da Carta das Linguas Minoritarias, agora creouse unha Consellería de Lingua. ¿Como abordaredes a situación da lingua galega en Europa?
O galego é unha preocupación para o BNG polo descenso no número de falantes, co incumprimento da Carta Europea de Linguas Minorizadas. Á parte, temos levado este tema a Estrasburgo coa Mesa de Normalización e outros colectivos. Defendemos as canles infantís no campo audiovisual, temos moitos fondos europeos que non se piden pois á Xunta non lle interesa e por tanto non atende a estas cuesións. Considero necesario un Comisario para as Linguas Minorizadas como houbo no pasado. Defenderemos o estatus do noso idioma a nivel europeo e para a creación de postos de emprego nas industrias de tradución e interpretación e tamén servizos individuais e sectores culturais. Tamén defendemos un estauto europeo do artesán e do artista que consideramos moi ligado ao tema da lingua e da cultura. Temos un goberno que minoriza a lingua e a cultura, un goberno do PP que cada vez é máis castelán e de Madrid.
-¿Como tratarán a paralización de parques eólicos en terra e que, ao mellor, pode afectar aos eólicos mariños?
Eólica si, mais non así. Efectivamente, o BNG defende a enerxía eólica, as enerxías renovables, así o fixemos nestes anos e logo están os macroparques eólicos. Estes últimos incumpren moita normativa europea como é a Directiva Hábitat da Rede Natura, e por tanto, nós levamos a Bruxelas a cuestión da eólica como prioritario. O que non pode ser é a instalación de macroparques eólicos para beneficiar a grandes eléctricas que veñen quitarnos os nosos recursos, incumprindo o Convenio de Aarhus sobre participación e información ambiental, non están falando coa xente que vive nos lugares, nas vilas ou no rural. Logo está a conexión destes parques eólicos coa rede eléctrica para beneficio dos de sempre. Galicia nestes momentos é excedentaria en enerxía renovables, ¿entón, que intereses hai detrás dos macroparques? Consideramos necesaria a instalacións de parques eólicos sustentables, o mesmo coa eólica mariña, que conseguiu unir os sectores medioambiental e pesqueiro. Aquí algo non vai ben, porque non se informa, vulnerando espazos da Rede Natura. Nós realizamos unha denuncia contra unha infracción como é o incumprimento de ampliación de Rede Natura. O goberno do PP evitou ampliar a Rede Natura para instalar os macroproxectos eólicos e nós votamos en contra destes macroproxectos.
-Galicia está sinalada como un dos territorios europemos con menor superficie agraria. ¿Que explicación lle darían a isto?
O modelo territorial galego non está recoñecido en Bruxelas e por iso non é respeitado. Poderiamos ser agora mesmo un exemplo de como levar adiante un proxecto de sustentabilidade agraria. Non hai terra agraria suficiente mentres o goberno do PP o que fai é extender o monocultivo do eucalipto, así se perde terra agraria útil. Ademais, tamén habería que estudar o reparto no modelo da PAC. No tema do leite non se deu apoio aos gandeiros e por outra parte, non pode ser que haxa axudas por hectáreras e non por produción. Tamén debemos ter un control das axudas para que vaian a quen produce e non só para quen posúe a terra. Por tanto, unha das nosas demandas é que Bruxelas respecte o modelo de superficie agraria galega.
-¿Existe o medo a que se incida aínda máis na extensión do eucalipto?
Galicia precisa outro modelo forestal xusto e que teña en conta especies tradicionais e non un modelo só do eucalipto. Entón, ¿porque repetimos un modelo como é o de Ence? ¿Por que non se vai a modelos sustentables para o noso país? As pasteiras de papel son un modelo retrógrado.
-Sobre o modelo territorial, están os montes de man común e as sociedades de comuneiros que defenden a súa existencia. ¿Como defenderá o BNG este modelo en Europa?
Levamos á Sociedade Galega de Montes en Man Común tres veces a Bruxelas e realizaron unha demanda colectiva con Portugal, onde existen os baldíos (montes en man común) e que alí están recoñecidos na súa constitución. Europa ten que recoñecer os montes galegos en man común como modelo de xestión, como institución única e que debera recibir outro tipo de apoios. Nesta lexislatura pensamos levar outra vez aos representantes do monte mancomunado en relación á especulación arredor da Cidade do Celta. Existe unha grande preocupación entre os membros da comunidade de montes.
-O eurodeputado do PP, Francisco Millán Mon, dicía que en pesca, Europa en pouco tempo dependerá de Marrocos e China. ¿Non é unha visión un tanto pesimista?
Iso debe ser o que pensa o PP e sobre todo o eurodeputado que se dedica a falar máis de min que a estar co sector. Non o vin en manifestacións do sector da pesca. Se o pobo galego me escolle para ser a representante dos sectores produtivos, incluída a pesca, loitarei para que Galicia non sexa dependente das importacións. E o eurodeputado do PP votou a favor do acordo pesqueiro con Marrocos, eu non. Debemos loitar para frear as importacións e que o peixe e o marisco galegos deben estar ben pagados, ademais dunha boa cadea de comercialización.
-¿Vai volver a Galicia ou seguirá coa súa carreira política en Bruxelas?
Estou a favor do que o pobo galego decida. Se quere que siga sendo a voz galega en Europa seguirei alí, e ese é o noso obxectivo en Europa.
Escribe o teu comentario