Daniel Castro: "O PP está máis preocupado polo avance do BNG que por como vai o desenvolvemento deste país"

Daniel Castro (Ribadeo, 1996) é parlamentario autonómico polo BNG. En 2020 accede ao Parlamento sendo o membro máis novo ao comezo desa lexislatura. Academicamente formado en Linguas Estranxeiras e Lingua e Literatura Galega, forma parte dos órganos de dirección do BNG e do consello comarcal da Mariña. A súa traxectoria aínda que curta, está a deixarse ver nas diferentes comisións parlamentarias nas que participa e en áreas como son asuntos sociais, vivenda e cultura.


|

 

 


 

Daniel Castro BNG
Daniel Castro BNG


 

-O BNG definiu xa os seus obxectivos electorais: reforzar a súa presenza como primeiro partido da oposición ou facer unha aposta decidida pola presidencia autonómica?

O obxectivo do BNG é gobernar este país e así o din as enquisas: é a única forza que está a subir en intención de voto. É o mesmo que fixemos en 2024, presentarnos co obxectivo de gobernar, do mesmo xeito que faremos no 2027 ou 2028, sexa cando sexa que se convoquen as eleccións autonómicas. A nosa disposición é clara e os datos aválannos, o BNG segue subindo nas enquisas e non ten teito. Digo isto porque en 2020 dicíase que o Bloque tocara o seu teito electoral, o mesmo dicíase no 2024 e consiguó 25 deputados. Estou seguro que volveremos romper ese teito para poder chegar á Xunta de Galicia con Ana Pontón á fronte. 


 

-Nuns anos cumpriranse dúas décadas desde que o PP retomase a Xunta. Que explicación velle a esta concatenación de maiorías absolutas por parte dos 'populares'?

O PP é un partido cunha presenza moi estendida en Galicia, unha gran militancia, rexe en numerosos gobernos locais e estivo moitos anos á fronte da Xunta, con acertos e moitos desacertos ao noso entender. Ademais disto, posúe un terreo de xogo ao seu favor polo uso que fai dos medios públicos, aínda así, desde o BNG cremos que o PP si chegou ao seu teito e que empeza un fin de ciclo, con todas as enquisas sinalando que baixa en intención de voto, a pesar disto segue sendo un partido moi forte en Galicia. Con todo, observamos que o PP cada día está máis preocupado polo avance do BNG que por como vai o desenvolvemento do país e a calidade de vida das persoas. Por tanto, se dicimos que hai opcións a conseguir gobernar a Xunta é porque o reflicten os datos. 

 

Estou seguro que volveremos romper o noso teito electoral para poder chegar á Xunta de Galicia con Ana Pontón á fronte
 

-Sobre o escano que ocupa Democracia Ourensá. Poderíase ver como unha especie de parapeto tras o cal o PP podería conservar unha maioría absoluta relativa?

Non son quen para xulgar a outros partidos. Neste caso, Democracia Ourensá (DO) é un fenómeno político moi adscrito ao concello de Ourense, isto permítelle reunir os votos necesarios para saír pola súa circunscrición grazas á porcentaxe de votos que pode reunir nesta praza. Aínda así, non perdemos o tempo sobre cábalas e hipotéticos resultados, pensamos en facernos co goberno da Xunta. Si é certo que quen acaba sendo unha muleta de DO ou do PP, é cada un destes partidos que se usan entre si para sacar políticas coas que moitas veces non estamos de acordo. 


 

 

 

-Sobre Vox, cre que acabará irrompendo no Parlamento galego?

Sinceramente non o sei. Creo que non, este é un país electoralmente maduro, maior de idade ao que non lle gustan os ataques aos seus símbolos, á súa cultura e á súa lingua e, por outra banda, que aquí existe unha imposición lingüística, neste caso do galego, algo totalmente surrealista. Insisto, creo que non, e sobre todo non sería desexable. Non quero ver á ultradereita no meu país aínda que o PP adopte cada vez máis posicións ultradereitistas. É un partido que non existe, non ten concellos, non ten deputados no Parlamento galego nin deputados por Galicia no Congreso. Esperemos que siga así pois, se nos facemos trampas ao solitario e Vox aparece no Parlamento, ningún partido estaría satisfeito. 


DO e PP úsanse entre si para sacar políticas coas que moitas veces non estamos de acordo 


 

-Indo a un terreo máis concreto, cales son as alternativas que o BNG lle pode ofrecer á mocidade galega a día de hoxe?

O primeiro, falar coa mocidade e tentar resolver os seus problemas. Falarlle de vivenda dicindo que as competencias son autonómicas e que, entre 2014 e 2018, o PP só construíu catro vivendas públicas. Iso co BNG cambiaría, o aluguer social sería unha das súas prioridades abaratándoo, non se poría en primeiro lugar aos caseiros senón aos inquilinos. Facilitaríase a existencia dunha universidade pública sen abrir as portas a universidades privadas como fai o PP. Ofreceríase infraestruturas do século XXI apostando polas proximidades, para que o oligopolio de Monbús non controlase o mapa de transporte por estrada en Galicia. Estas propostas teñen eco e iso pódese ver nos votos que recolle o BNG onde a maioría son menores de 35 anos. 


 

 

 

-A oferta de vivenda pública anunciada pola Xunta é para o BNG un acto electoralista?

Rueda iniciou esta lexislatura prometendo 4.000 vivendas públicas e até agora non se viron resultados. O único que vimos até agora son fotografías da conselleira de Vivenda entregando as mesmas chaves de vivendas de protección oficial, onde antes vivían outros inquilinos. A vivenda será para nós un obxectivo necesario, con todo, pasamos o ecuador da lexislatura e non vemos ningunha vivenda construída. 


 Non quero ver á ultradereita no meu país aínda que o PP adopte cada vez máis posicións ultradereitistas

 

-Seguindo coa mocidade, vea politicamente activa a día de hoxe?

Contrariamente ao que se adoita dicir, eu si vexo unha mocidade politicamente activa. Posiblemente diminúa a participación a través de partidos políticos, un toque de atención a todos os partidos do cal tomou nota o BNG. Por iso é o partido con maior número de persoas novas en postos institucionais, isto ocorre tanto no Parlamento como na política municipal. Todo isto canalizouse a través de diferentes vías, pero non creo que a xente nova non estea despolitizada. Tamén é certo que a ultradereita se está afianzando entre os e as mozas do Estado, pero no caso de Galicia, o principal partido que recibe unha gran parte do voto xuvenil é o BNG. Aquí a ultradereita non ten ese caladoiro de votos entre os máis novos.


 

 

 

-Falemos de economía. Cal é a proposta do BNG para solucionar o tema Alcoa e que valoración fai das propostas tanto da Xunta como do Goberno central?

Alcoa é o debate que nunca acabará, realmente non sei como finalizará. Desde hai seis anos o BNG defende claramente unha intervención pública aínda que sexa temporal para darlle saída. Esa solución, que nunca se puxo en marcha a pesar de recibir os votos de todos os partidos, queda claro que é a única cando en 2026 seguimos con este problema sobre a mesa. As reclamacións hai que presentalas tanto ao Goberno do Estado como á Xunta. Existían votacións que obrigaban á intervención, aínda que sexa temporal, do Goberno sobre Alcoa. Tamén se reclamou que a Xunta tivese unha porcentaxe de participación na empresa e así ter poder de decisión no futuro. Pasaron os anos, a xente hase desmovilizado porque non se pode estar en constante tensión durante seis anos. A balsa de lodos vermellos está na súa última fase e o futuro de moita pendendo dun fío. Lembremos que esa factoría era pública ata que o goberno de Aznar privatizouna, de aí veñen as actuais consecuencias como é que os traballadores non saben que vai pasar con eles durante os próximos meses. 

 

No caso de Galicia, o principal partido que recibe unha gran parte do voto xuvenil é o BNG
 

-En relación a esta cuestión está a subministración de enerxía. O TSXG paralizou algúns parques eólicos destinados a alimentar a planta aluminera, o Tribunal Supremo declarou que parte dos puntos que paralizaban eses eólicos non son aplicables. Se realmente se pon en marcha estes parques eólicos pódese garantir o futuro de Alcoa?

Ese é o eterno debate. O tempo demostrou que a introdución dos parques eólicos para garantir o futuro de Alcoa era algo collido con pinzas. Nós cremos que o modelo eólico deste país debe ir asociado a beneficios para a poboación e deixámolo claro alí onde gobernamos, un exemplo é o Modelo Muras que consideramos o camiño a seguir. Un concello de 600 habitantes que negocie con Iberdrola o abaratamento da factura enerxética aos seus veciños. Ese exemplo está a seguilo a Xunta coa súa empresa Recursos de Galicia, aínda que de forma descafeinada, como sempre. O exemplo está co que sucede no parque de Ou Mondigo. Se debe existir eólica debemos centrarnos en como debe ser e para nós é deixando beneficios para todos e para iso é necesario un goberno capaz de negociar de ti a ti. 

 

El diputado del BNG en el Parlamento de Galicia Daniel Castro
O deputado do BNG no Parlamento de Galicia Daniel Castro

 

 

 


 

-O actual panorama da lingua mostra un retroceso en falantes moi significativo. Serían as políticas educativas da Xunta as únicas culpables desta situación?

Non todo é achacable ás políticas lingüísticas da Xunta, aínda que se demostrou cientificamente que tiveron unhas consecuencias moi negativas. Isto non o di só o BNG, dio a RAG, o ILGA e o CCG con documentos que sinalan como os nenos entran nos centros educativos falando galego e salguen falando castelán. E ademais, segundo datos do INE, un de cada tres nenos e nenas menores de 15 anos non ten a capacidade para falar ou ler en galego. A derrogación do mal chamado Decreto do Plurilingüismo é unha condición básica, dino todas as institucións e academias do noso país, dino todos os sindicatos e partidos políticos que non sexan o PP. Pero ademais, debemos actuar nos diferentes campos da sociedade porque, se queremos que máis xente fale a nosa lingua, esta debe estar en todos os ámbitos da sociedade. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE