Unha moción de censura máis factible en Lugo ao votar María Reigosa co PP
Aínda que a ex-socialista dixo que non pensaba sumar aos conservadores para forzar a caída do bipartito, o certo é que á primeira ocasión que tivo a votado cos conservadores.
A edil María Reigosa distanciouse este xoves do Grupo Socialista no Concello de Lugo ao apoiar unha moción presentada polo Partido Popular para actuar con urxencia na rúa Fermín Rivera. Trátase da súa primeira votación fóra da disciplina do PSOE desde que abandonou a formación hai uns días. O bipartito de PSOE e Bloque perdeu a votación pois tras a saída de Reigosa do grupo socialista gobernan en minoría.
A decisión da concelleira chega tras unha semana de tensións internas no goberno local, no que Reigosa deixou de integrar tras perder as competencias de Medio Ambiente en decembro. A súa saída do partido fraguouse tras discrepancias coa alcaldesa Paula Alvarellos pola xestión dos servizos urbanos e a reorganización interna aprobada a finais de ano.
Un voto clave para o PP
A moción popular, que saíu adiante con 13 votos —os 12 do PP máis o de Reigosa—, esixe unha resposta inmediata aos problemas de abastecemento na rúa Fermín Rivera. Os veciños levan anos denunciando avarías e cortes de auga constantes, que segundo o grupo popular afectan á calidade de vida do barrio.
Desde o PSOE, o grupo municipal explicou nun comunicado que a recuperación da contorna do río nesa zona “xa está en marcha”. Lembraron que existe “un protocolo de actuación e un convenio coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil”, asinado o pasado 9 de xaneiro, con dotación orzamentaria suficiente “para iniciar as obras este mesmo ano”. Os socialistas defenderon que a moción do PP é “redundante” e “chega tarde”.
“Respostas e responsabilidade”
Na súa intervención, María Reigosa defendeu que o seu voto favorable responde “o sentido común e á responsabilidade”. “Os veciños de Fermín Rivera sofren cortes de auga mes tras mes, e existe un risco real de derrube do muro pola saturación do terreo”, advertiu a edil, insistindo na urxencia de actuar.
A concelleira subliñou que a súa prioridade serán os veciños e non as siglas políticas. “Cando hai problemas reais que esixen solucións inmediatas, o meu deber é apoiar as iniciativas que van nesa dirección, veñan de onde veñan”, afirmou durante o pleno. A súa nova posición reforza a sensación de fragmentación no equipo de goberno lucense, que se enfronta nos próximos meses á aprobación do orzamento municipal, un proceso que podería verse condicionado por esta ruptura.
Escribe o teu comentario