O Goberno de Santiago limita os comercios para turistas na zona vella e presume de proxecto até 2031
Santiago prohibirá os comercios de recordos e de máquinas expendedoras na zona vella. Estas son algunhas das medidas que adiantou hoxe o Goberno da capital nun acto ao fío do ecuador da lexislatura no que fixo balance e adiantáronse algunhas das propostas para a segunda metade do mandato.
Goretti San Martín (BNG) e María Rozas (Compostela Aberta) compareceron xuntas na terraza do Pazo de Raxoi este mediodía para escenificar un plan de entendemento na esquerda compostelá a longo prazo . “A cidade será distinta en 2027 pero tamén en 2031”, presumiu a primeira alcaldesa da cidade escoltada pola súas tenente de alcalde antes de sentenciar que “nós viñemos para quedar e temos un proxecto”.
Tras enumerar unha serie de logros do goberno local -moitos relacionados coas medidas para limitar o impacto do turismo, como a taxa turística ou a denuncia dalgúns pisos turísticos- Sanmartín recoñeceu que “falta moito por facer”. Iso si, desviou o foco das carencias municipais cara a outras administracións.
Ante a evidente lentitude nalgunhas áreas como urbanismo, a rexedora recoñeceu que “faltan recursos humanos” pero sinalou que era por “decisións alleas ao Concello”. Como “espiña cravada” apuntou a que o Concello non logrou que outras administracións contribúan máis ao estatuto da capitalidade pese, lembrou, ás promesas da Xunta ao principio da lexislatura nese sentido.
O principal reto que se pon o goberno local na segunda metade da lexislatura é licitar o contrato de transporte. Santiago soporta unha flota de autobuses de Monbús que resulta de xeito evidente obsoleta e insuficiente. O executivo local non quixo dar prazos para que haxa novo contrato, suponse con novos vehículos. Sanmartín entende que é máis importante o como que o cando.
Sobre o outro gran contrato público pendente, o da auga - que leva anos sendo prorrogado- non se dixo nin unha palabra, mostra que destacalo non parece ser unha prioridade.
No referido á mobilidade, unha das competencias de Compostela Aberta na coalición, Rozas adiantou que haberá máis carrís bici. A líder da forza rupturista sacou peito pola oposición do Concello á senda verde que, con carril bici, promovía a Xunta, tras coñecer o informe crítico de ICOMOS, organismo que asesora á Unesco sobre o patrimonio da Humanidade, con este proxecto, que finalmente San Caetano abandonou ante a polémica xerada polo impacto no Bosque do Banquete de Conxo.
“Non dá igual quen goberne”, esgrimiu Rozas tras informar que os servizos sociais habían batido unha marca, ano 2020 á marxe, de 22.000 persoas atendidas nun ano, o que equivale a máis do 20 por cento da poboación. Como novidades, apuntou que pronto haberá campamentos de conciliación para maiores de 12 anos.
Rozas e Sanmartín exhibiron unha boa sintonía. Ambas indicaron que a coordinación entre as áreas de BNG e Compostela Aberta é boa.
Isto abre incógnitas sobre as próximas eleccións, dada a crise do PSOE a nivel local -que na práctica está escindido- e, tras a semana pasada, tamén a nivel estatal. Sanmartín non se quixo mollar na polémica socialista, tras xurdir voces nese partido, como a do alcalde de Ames, que piden un adianto electoral a nivel estatal para que non coincidan xenerais e eleccións locais. Iso si, esixiu ao PSOE “tolerancia cero coa corrupción” e que non “tire para adiante”, senón que implemente reformas de calado.
Do contrario, advertiu, “ao final crear desafección” pola política. Un factor moi a ter en conta en Compostela, onde a suma das tres forzas de esquerda sácalle unha marxe de tres concelleiros ao PPdeG.
Modificacion de actividades comerciais no centro histórico
O concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás (BNG), presentará esta semana unha modificación das normas que regulan o comercio no centro histórico da cidade restrinxindo máis os negocios para turistas.
A presión de peregrinos sobre a zona vella en particular e sobre toda a urbe en xeral leva anos sendo a pataca quente dos sucesivos gobernos municipais, sen que se observen avances no día a día dos composteláns, a miúdo abafados pola avalancha estival de visitantes.
As novas normas implicarán que se prohibirá a apertura de “tendas de souvenirs” e de comercios de máquinas automáticas intramuros. E é que cada vez hai máis baixos no centro histórico que son destinados a negocios sen persoal como, por exemplo, lavandarías para peregrinos ou tendas de 24 horas totalmente automatizadas.
Escribe o teu comentario