O BNG de Burela non participará na visita dos reis: "non necesitamos propaganda Real"

"Non imos participar nun acto que pretende disfrazar cunha foto a absoluta falta de políticas útiles para a nosa pesca. A monarquía non representa os intereses da xente do mar, nin trae investimentos nin solucións", afirmou o portavoz do BNG en Burela e tenente de alcaldesa do Concello, Mario Pillado


|

BNG Burela
 

O tenente de alcaldesa de Burela, Mario Pillado, e a concelleira de Benestar, Sandra Fernández, --ambos os concelleiros do BNG-- informaron este sábado de que non participarán nos actos oficiais da visita que os Reis de España realizarán este martes á localidade lucense de Burela.

Segundo explicaron os nacionalistas nun comunicado, esta decisión vén motivada, entre outras cousas, pola "situación crítica" que vive o sector pesqueiro galego e, "en particular, a flota de Burela, afogada polas restricións da Unión Europea, pola falta de apoio estatal e pola ausencia de medidas concretas que garantan o seu futuro".

"Non imos participar nun acto que pretende disfrazar cunha foto a absoluta falta de políticas útiles para a nosa pesca. A monarquía non representa os intereses da xente do mar, nin trae investimentos nin solucións", afirmou o portavoz do BNG en Burela e tenente de alcaldesa do Concello, Mario Pillado.

Cabe lembrar que os Reis Felipe VI e Letizia visitarán Burela nun acto vinculado á pesca e ao mar, "unha visita de especial simbolismo para a vila, estreitamente ligada ao mar, á súa cultura, economía e identidade", destacaba esta semana o propio Consistorio nun comunicado.

Neste contexto, o BNG de Burela cualificou a visita de Casa Real ao porto de Burela de "operación mediática de lavado de imaxe da Coroa Española despois dos escándalos de corrupción que salpican á institución".

Neste sentido, Pillado acusou á institución de "impor a súa presenza sen consulta previa", así como de "obrigar" ao Concello a destinar recursos e persoal "nunha visita que non vai deixar ningún beneficio na localidade, unha mostra máis do funcionamento antidemocrático da monarquía", sinalou.

Do mesmo xeito pronunciáronse a concelleira Sandra Fernández ou o responsable comarcal do BNG na Mariña, Antonio Veiga, quen advertiu de que esta comarca lucense "está castigada pola perda de servizos, especialmente os sanitarios, polo desmantelamento industrial, sen autovías, co abandono do ferrocarril e cun sector pesqueiro golpeado pola inacción dos gobernos".

"O que necesitamos son medidas urxentes e compromisos reais, non actos propagandísticos Reais", aseverou Veiga. Por todo iso, o BNG asegurou que "non será cómplice" dunha visita "coa que se pretende maquillar o baleiro das políticas estatais".

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE