Nace unha nova confederación de partidos que busca entrar nas deputacións, Agora Galicia
Partidos localistas de Ourense, Chantada, Sober, Monforte de Lemos, Courel, A Ulloa, Vilardevós, Laza, Chandrexa de Queixa, Macizo Central, Gondomar, Nigrán, Baiona, Campo Lameiro, Ribadumia, San Sadurniño, Neda organízanse de face aos próximos comicios locais.
Galicia prepárase para un novo escenario político coa presentación de Agora Galicia, unha confederación de candidaturas municipalistas que busca consolidar de face ás eleccións de 2027. A iniciativa, presentada tras un encontro en Monforte de Lemos o 15 de marzo, reúne a diversos proxectos locais que decidiron coordinar para fortalecer o seu peso na política galega.
O movemento está composto por formacións de toda Galicia, entre elas Interior Galego Vivo (IGV) e agrupacións locais como Por Chantada, Esperta Monforte, Courel Vivo, Ourense Mellor, Manifesto Miñor e Move Neda, entre outras. Estas candidaturas teñen representación en numerosos municipios e buscan sumar forzas para romper co que cualifican como o "caciquismo asentado" e a "parálise institucional" na comunidade.
Estes son os partidos participantes na reunión de Monforte:
Lugo:
- Por Chantada
- Agroma Sober IGV
- Esperta Monforte
- Courel Vivo
- IGV A Ulloa
Ourense:
- IGV Vilardevós
- Ourense Mellor
- Xuntxs por Laza
- Xuntxs por Chandrexa
- IGV Macizo Central
Pontevedra:
- Manifesto Miñor (activo en Gondomar, Nigrán e Baiona)
- Por Vir Campolameiro
- Somos Ribadumia
A Coruña:
- San Sadurniño Vivo
- Move Neda
Aínda que heteroxéneas, todas comparten un ADN anticaciquil e asembleario. Moitas xurdiron como plataformas veciñais fronte á “parálise institucional” e hoxe suman decenas de concelleiras. A súa forza concéntrase en municipios medianos e pequenos, onde denuncian a “demotanasia” —abandono de servizos públicos— e o “espolio territorial”.
Obxectivo: lograr representación nas deputacións
O texto apela a mobilizar a abstencionistas e desencantados cunha narrativa de “ferramenta plural ao servizo do país”, afastada de “dogmatismos”. Aquí radica a súa ambición: queren ser ponte entre o asociacionismo local e unha “alternativa galega construída por veciños”. A súa referencia histórica son as Irmandades do século XIX, símbolo de revolta campesiña.
A confederación non se presentará como partido único, senón como coalición de marcas locais que sumen votos para acceder ás deputacións provinciais. Calculan que, unidas, xa representan a cuarta forza galega en votos.
O manifesto fundacional de Agora Galicia destaca a necesidade dun cambio no panorama político galego, dominado polas maiorías absolutas do PP e un bloque esquerda-dereita inmovilista. A nova confederación municipalista preséntase como unha alternativa para dar voz aos movementos de base e aos veciños e veciñas que queren transformar os seus municipios sen depender das grandes formacións políticas tradicionais.
A organización subliña a importancia de articular unha rede de apoio mutuo entre os proxectos locais, ofrecendo asistencia xurídica e recursos para fortalecer as súas iniciativas. Ademais, a súa estratexia electoral céntrase na creación dunha coalición para as municipais de 2027, co fin de maximizar o seu impacto nas Deputacións e lograr unha maior pluralidade nestas institucións.
Segundo o manifesto, as forzas que integran a confederación representan xa a cuarta forza política de Galicia en termos de votos municipais, o que lles outorga un peso significativo no mapa electoral. Por Chantada conta con varios concelleiros no concello chantadino, mentres que Manifesto Miñor ten unha presenza consolidada en Gondomar, Nigrán e Baiona, con edís no tres concellos.
Agora Galicia tamén deixou clara a súa posición sobre diversas problemáticas que afectan o territorio. Durante a súa presentación, manifestaron a súa oposición a proxectos como a fábrica de celulosa de Altri na Ulloa e a macroestructura sobre o río Cabe en Monforte, aos que consideran un atentado contra o medio ambiente e o equilibrio territorial.
Desde un punto de vista ideolóxico, a confederación sitúase nun espazo de esquerda transformadora, cun enfoque na participación cidadá, a defensa dos dereitos sociais e ambientais, e o rexeitamento ás políticas de precariedade laboral e desigualdade social.
Agora Galicia abriu un proceso de diálogo con outras forzas políticas e sociais.
Escribe o teu comentario