Xefes territoriais das consellerías xa non deberán ser funcionarios, sindicatos temen onda de enchufes
Até agora, os responsables de cada consellería nas cinco áreas territoriais da administración autonómica galega, debían ser funcionarios dos escalafones máis altos, A1 ou A2. O partido no goberno sempre escollía a funcionarios afíns ideológicamente para tales postos ou, polo menos, a aqueles que percibían como non próximos a rivais políticos. Con todo, cunha norma incorporada a través dos orzamentos, agora este requisito desaparece. Así as cousas, os sindicatos da Xunta temen que técnicos sexan sustituídos por enchufados do PP sen a cualificación necesaria.
A Xunta de Galicia aprobou unha reforma que redefine as funcións dos antigos xefes territoriais, agora denominados directores territoriais, ampliando as súas competencias e permitindo que os postos poidan ser ocupados por persoas alleas á administración pública. Este cambio, que actualiza a Lei 16/2010 de organización e funcionamento da Administración, intégrase na normativa de medidas fiscais que acompañan aos Orzamentos de 2025.
A modificación, adiantada hoxe por Faro, implica que os directores territoriais non só coordinarán os departamentos provinciais de cada consellería, senón que ademais terán a capacidade de representar oficialmente ás consellerías ante outras autoridades e organismos.
Esta nova estrutura substitúe ás xefaturas territoriais por departamentos territoriais, e os directores poderán ser designados entre funcionarios dos grupos A1 e A2, ou ben entre persoas externas coa experiencia e competencias necesarias. O cambio non gustou nada aos sindicatos.
"Queren instaurar a figura do axente electoral, colocar aos seus para saír nas fotos inaugurando presas, farois ou paseando por colexios". quéixanse desde a CIG, o sindicato con máis representación na Xunta. ou lóxico é que estes postos estivesen ocupados por funcionarios que coñecen os procedementos da administración», afirmou Juan Carlos Rivas, de CSIF, quen advertiu que a incorporación de perfís políticos podería desvirtuar a función técnica destes cargos.
A Xunta, en cambio, defende a reforma como un paso necesario para modernizar a administración e mellorar a representación das consellerías a nivel provincial. Fontes do goberno autonómico aseguran que os criterios de competencia profesional serán prioritarios nos novos nomeamentos, e que a medida busca unha maior eficacia na implementación das políticas públicas. Con todo, os sindicatos temen que esta apertura a perfís externos tradúzase nunha «instrumentalización política» dos postos.
Como é a estrutura territorial da Xunta?
A estrutura territorial da Xunta de Galicia organízase a través de delegacións territoriais, que están adscritas orgánicamente á Presidencia da Xunta. As cinco delegacións territoriais da Xunta de Galicia son as seguintes: Delegación Territorial da Coruña, Delegación Territorial de Lugo, Delegación Territorial de Ourense, Delegación Territorial de Pontevedra e Delegación Territorial de Vigo.
Estas delegacións exercen as competencias establecidas no Decreto 245/2009. Cada unha destas delegacións encárgase de coordinar e executar as políticas e directrices emanadas das consellerías correspondentes nas súas respectivas áreas xeográficas
Funcionan baixo as directrices e criterios dos órganos superiores das consellerías correspondentes, segundo as súas competencias materiais. En todo caso, cada consellería dispón dun xefe territorial en cada Delegación, posto que até agora debía ocupar un funcionario, pero xa non.
Ademais, existen secretarías territoriais, con nivel de subdirección xeral, dependen tanto orgánica como funcionalmente do titular da delegación territorial. Estas secretarías son responsables de coordinar e executar as políticas e directrices emanadas das consellerías.
En canto á estrutura orgánica central, cada consellería conta con órganos específicos de dirección, como secretarías xerais e direccións xerais, que coordinarn as políticas para toda Galicia baixo as instrucións do conselleiro e este, á súa vez, do presidente da Xunta.
Escribe o teu comentario