Gloria Lago (Falamos Español) indica que a política lingüística de Rueda é case igual á do BNG
Para a plataforma en defensa da lingua castelá, comandada pola viguesa Gloria Lago, outrora portavoz de Galicia Bilingüe -cuxas críticas ao bipartito amplificó o PP no seu día- as propostas en materia lingüística actuais de populares e nacionalistas non difiren moito.
Difiren o BNG e o PPdeG en política lingüística? É unha das preguntas que se fai a organización 'Falamos Español', que se define como apartidista e cuxa presidenta é Gloria Lago. A viguesa foi a cara máis visible de Galicia Bilingüe, asociación que xogou un papel importante nas críticas que sufriu o bipartito en materia lingüística, críticas que no seu día abrazou o PP, acudindo ás súas manifestacións, o que no seu día levantou polémica. Por iso é relevante que xusto agora, cando o PP centra as súas críticas contra o Bloque neste tema, Falamos Español sinale que non ve moitas diferenzas entre uns e outros.
A plataforma fixo un repaso ás propostas en materia lingüística dos distintos partidos. A entidade que encabeza a profesora galega apunta a que as políticas do Partido Popular "son practicamente as mesmas" que as propostas nacionalistas.
RUEDA E PONTÓN...IGUAIS?
Respecto ao futuro, no programa do PPdeG só ven unha novidade: "Potenciar máis o galego entre a xente nova". Falamos Español estima que con outro goberno do PPdeG na Xunta non habería cambios neste campo, visto vístoo. Como exemplos, estima que documentos e campañas da Xunta seguirán sendo "monolingües" en galego.
Hai que lembrar que a Xunta, en virtude do Estatuto e da Lei de Normalización Lingüística, ten a obrigación de promocionar o galego, especialmente naqueles campos nos que parte en desvantaxe. Tamén que os datos mostran que o galego segue perdendo terreo, especialmente entre os mozos.
"Desde Hablamos Español só conseguimos que as páxinas web teñan opción en español (excepto as páxinas web dos centros de ensino, que seguen só en galego) e que nalgúns avisos dixitais haxa opción en español", lamentan.

Desde o colectivo censuran que as "axudas á creación cultural, campañas institucionais, uso do idioma en medios de comunicación galegos, intervencións no Parlamento de Galicia" sexan, tamén, "monolingües en galego". "O adoctrinamiento en nacionalismo lingüístico é en Galicia mesmo peor que en Cataluña", comparan.
Escribe o teu comentario