José Manuel Sande (Por Coruña): "As enquisas dan subida. Somos unha forza en ascenso"

Galiciapress entrevista ao candidato de Por Coruña na cidade herculina, formación que aglutina a Podemos, Esqueda Unida e Alianza Verde


|

Josemanuelsande 2
Aquivo - José Manuel Sande, candidato de Por Coruña

José Manuel Sande é coruñés de nacemento e preséntase nestas vindeiras eleccións como candidato na Coruña co partido Por Coruña, unha formación que aglutina a Podemos, Esquerda Unida e Alianza Verde.

 

Sande formou parte da corporación municipal entre 2015 e 2019 como concelleiro de Cultura, Deporte e Coñecemento polo grupo da Marea Atlántica. Posteriormente, foi senador en Madrid durante unha breve etapa e, actualmente, preséntase independentemente da Marea nestas eleccións municipais de 2023.

 

Moitos dos partidos que se presentan na Coruña falan de mellorar as liñas de autobús urbano. Vostede fala de ampliar o autobús a toda a comarca. Estaría isto dentro do plan para unha nova concesión no 2024?

 

Por suposto. Estaría inscrito nun plan de futuro inmediato. Dado que remata a concesión actual no 2024 é facelo vía empresa municipal por un lado e, polo outro, conectando coa parte metropolitana.

 

Son cuestións que hai que ver no terreo, pero entendemos que hai que ser valentes con esta cuestión. Xa hai unha concesión e leva anos renovar toda a frota de autobuses. Ademais, é necesaria a conexión coa área metropolitana e, polo que se ve, non hai unha iniciativa da Xunta ou doutros concellos e ten que saír de alguén.

 

Creo que o Concello da Coruña é apropiado nisto. Ademais, en anos anteriores houbo intentos de activar a área metropolitana e eu creo que esta é unha oportinodade.

 

Considera viable crear unha empresa municipal de transportes na Coruña tendo en conta todos os anos que leva Tranvías na concesión?

 

En canto á creación dunha empresa municipal, creo que nos últimos anos se abriu moito máis a espita nese sentido e creo que hai exemplos, como Arteixo ou Valladolid. Son exemplos de municipalización de servizos que creo que debemos analizar. Ademais, non hai unha xustificación para que a concesión siga sendo por vía privada.

 

Por Coruña está formado ademais de por Esquerda Unida e Podemos, por Alianza Verda, unha formación ecoloxista, polo que o seu programa tocará o cambio climático. Que plans ten Por Coruña para combatir esta problemática na cidade?

 

Esa loita contra a emerxencia climática é unha das prioridades que impregna todo o panorama e todo o programa. Evidentemente, hai unha parte que é descarbonizar, mellorar a reciclaxe, a creación de comunidades enerxéticas...

 

É cuestión tamén incluso de eficiencia enerxética, residuo cero, recuperación da reciclaxe, compost de calidade, facer unha cidade sen plásticos, hortas urbanas... É unha batería de medidas que impregnan o noso programa cunha idea de ter outro tipo de mundo e de atender a esta emerxencia real á que nos enfrontamos.

 

Seguirase fomentando o uso da bicicleta como está facéndose agora?

 

Un dos obxectivos é xusto o aumento da rede. Anunciamos estes días que hai moitas medidas relacionadas con mobilidade. Trátase case dun cambio de mentalidade ou cultural progresivo: que o vehículo privado vaia perdendo o uso e que a rede de bicibletas gañe, así como o transporte urbano do que falabamos antes.

 

Nós ampliaremos, por suposto, o uso das biciclestas e as vías.

 

Este uso ampliouse moito estes últimos meses coas accións realizadas polo goberno municipal.

 

Por suposto, pero o goberno municipal chegou tarde á mobilidade e asumiuna derivada do mandato anterior.

 

Eu recordo o PSOE enfrontándose a algunhas peonalizacións máis claras que había na cidade, como era a Cidade Vella. Está ben que se asumise, pero eu creo que nesta etapa houbo moitos sentidos ou ocorrencias máis que planificacións reais, con respecto aos procesos peonís, por exemplo, e toda esta mobilidade... Pois, efectivamente, hai que reformala, pero hai que reformala con xeito.

 

Nós en canto a BiciCoruña propoñemos tamén, por exemplo, gratuidade para os menores de 25 anos. Xa che digo: ten que ser unha acción máis artellada e máis planificada. É o tipo de mobilidade que queremos.

 

Considera que a accesibilidade á vivenda é un dos problemas máis urxentes na Coruña?

 

É difícil ser rotundo cando se fala de problemas da cidade, porque son moitas as cuestións que preocupan e que fan complexa a vida da cidade e a mesma cidade máis agradable e tranquila en moitos aspectos.

 

Creo que o dereito á vivenda é unha das principais preocupacións. Agora mesmo poderíamos dicir que esa idea histórica da vivenda como obxecto de mercado máis que como dereito vese reflectida para moitísima xente dunha maneira urxente e desesperada. Temos unha bolsa de aluguer escasísima, uns alugueres elevados e un montón de problemas coas vivendas turísticas.

 

Creo que hai que actuailizar o PXOM, que quedou desfasado en moitos aspectos, limitar ou regular a proliferación de pisos turísticos, crear un consello da vivenda, un plan de acceso a un hábitat digno...

 

Outros partidos falan de que A Coruña ten unha falta de seguridade bastante grande, por falta de policías principalmente. Considera vostede que este é outro problema que ten a cidade?

 

Con todo o respecto, creo que non é precisamente un problema grave. A Coruña é unha cidade historicamente tranquila.

 

Si que é verdade que nalgúns momentos hai un aumento de delitos, pero creo que este tema hai que tratalo en toda a súa complexidade, sobre todo con recurso, con empatía e con coordinación entre as áreas afectadas.

 

Ademais, a Policía Nacional non depende do Concello, aínda que as competencaias municipais poden crear ferramentas de colaboración importantes.

 

Pero si que creo que hai un tema determinante, que é saber diferenciar seguridade de convivencia. Moitas das cuestións que se están poñendo sobre a mesa e sobre as que están alarmando, sobre todo determinados partidos políticos, teñen que ven con problemas de convivencia.

 

Isto non quita que nos preocupe a cidadanía, que evidentemente non quere vivir nun clima inseguro e non quere que haxa un aumento dos delitos. Creo que é alto co que sempre hai que pelexar.

 

Hai que crear tamén máis prazas de policías, iso é evidente. Pero creo que máis que policía de barrio ten que haber unha coordinación clara. A propia Policía recoñece que na situación actual non pode ter patrullas de barrio cos efectivos dos que dispón. Entón habería que coordinar doutro modo os corpos para que teñan unha actuación máis efectiva sen necesidade dunha omnipresenza.

 

Que o levou a vostede a abandonar a Marea e a querer presentarse agora de xeito independente?

 

Eu sempre fun unha persoa independente que viña do activismo e dos movementos extraparlamentarios. Eu son un dos fundadores da Marea Atlántica, pero dende unha parte cidadá, que non tiña que ver con partidos.

 

A Marea Atlántica era antes un proceso político e un movemento cidadán, con confluencia de partidos, pero que non era un partido ao uso. Como sabes, eu fun concelleiro de Cultura, Deporte e Coñecemento no mandato pasado e logo tiven unha breve etapa como senador en Madrid.

 

Eu xa non me presento ás eleccións municipais de 2019 e a idea nesta cidade é que houbese un proceso de unidade e dende o meu punto de vista Por Coruña encarna coas forzas políticas que integran máis ese activismo e movemento cidadán que está presente.

 

Claramente neste tempo houbo tentativas por parte das forzas políticas, nomeadamente Esquerda Unida e Podemos, por tratar de ter xuntanzas e tratar de buscar esa unidade tamén coa Marea Atlántica. Pero a Marea Atlántica non respondeu a ese chamado.

 

Xa no verán do 2020 presentamos unha carta, asinada por 35 participantes, militantes e xente que era próxima á Marea Atlántica, xustamente pedindo que houbese un cambio de rumbo, unha maior implicación co tecido cidadán, unha maior influencia no goberno... Un goberno en minoría, bastante feble, sen un proxecto claro. Había unha posibilidade evidente de influír e cambiar o tipo de relación e de abrirse tamén como movemento cidadán de cara á sociedade. E nós recibimos resposta positiva nese sentido.

 

A min gústame a pelexa política, pero nun sentido de xestión e de traballo. Non me interesan outras cuestións e dalgunha meneira hai un proceso de distanciamento con todas as simpatías a todo o noso espectro e o noso espazo político.

 

Entón para min simplemente é unha evolución na que hai tamén un grao de certa tristura, porque para min sería preferible que a Marea Atlántica tamén estivese integrada neste proxecto, que estivésemos todos e que houbese un proxecto de unidade que integrase a todos.

 

Polo de agora as enquisas publicadas non dan representación a Por Coruña. Ve vostede posible acadar unha representación considerable no Concello?

 

Si, porque ademais agora nós vimos xustamente a influír, a gobernar, a poder estar aí de maneira relevante. Só coñezo unha enquisa que nos dá representación e entendo que ademais é unha enquisa que ten unha porcentaxe bastante alta de desviación, con bastante abstención... Pero todas as enquisas, sobre todo, dan subida. Somos unha forza en ascenso.

 

Pensemos que nós presentamos esta candidatura o 10 de febreiro. Estamos falando dunha data bastante recente. Entón, nese sentido, estamos moi contentos desa recepción rápida e ademais de como fomos rapidamente considerados. E creo que todo isto non vai ir máis que en ascenso e ademais con moitos dos actos de campaña que anunciaremos e que temos nos vindeiros días e que creo que ademais van reforzar esa idea de proxecto de unidade e de proposta ilusionante para a sociedade.

 

Considero que todo isto vai ter unha forza que non sempre miden con precisión as enquisas e que se vai consolidar ese 28 de maio.

 

Pactaría vostede co Partido Socialista de Inés Rey no caso de que necesitase os seus votos para chegar á Aldaldía e, en caso de si facelo, baixo que condicións?

 

Nós chegamos, como dicía, para facer debates, para influír, pero sen ningunha carga. A resposta é que segundo como se vexa o escenario posterior, porque a política é diálogo, entendemento, negociación e gobernabilidade, neste caso dunha cidade. Iso é o que se procura en todas as forzas políticas.

 

Realmente vimos a influír, gobernar e ser imporantes e o escenario posterior nos atopará frente a nós nunha mesa de diálogo, pero sempre cunha resposta adecuada aos nosos principios, a unha ética de goberno necesaria e desde logo mirando polo futuro da cidade.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE