Xan Xove (Marea Atlántica): "A Coruña é unha cidade de esquerdas que segue confiando"
Galiciapress continúa o seu ciclo de entrevistas aos candidatos á Alcaldía da cidade da Coruña con Xan Xove, cabeza de lista da Marea Atlántica para as próximas eleccións municipais do 28 de maio
Xan Xove é sindicalista e delegado de persoal pola CXT, ademáis de músico e traballador social. Dende mozo foi activista social e participou en diferentes movementos ecoloxistas. No 2014 foi membro da Marea Atlántica e formou parte das listas nas eleccións ao Parlamento Galego en 2016 sen acadar escano. Finalmente, en 2019 tomou posesión no Parlamento ao substituír á deputada Flora Miranda e pasou a participar nas comisións de Pesca e Marisqueo e control da CRTVG.
Nestas eleccións municipais, preséntase como candidato á Alcaldía da Coruña pola Marea Atlántica, co obxectivo de que o seu partido volva a María Pita.
Que trabas pode atoparse a Marea Atlántica no seu obxectivo de regular o prezo da vivenda na Coruña?
Nós propuxemos diferentes medidas e atopámonos con diferentes trabas. Atopámonos nun momento no que hai que tomar medidas urxentísimas en materia de vivenda e facendo un pouco de memoria dámonos conta de que non é un problema novo, pero que foi empeorando cos anos.
Cando gobernou a Marea Atlántica, puxemos en marcha, por exemplo, recargos no IBI a pisos baleiros e queríamos tamén poñer recargos a grandes tenedores. O problema era que o concepto de piso baleiro e de grande tenedor necesitaban dunha lei estatal que os recollese exactamente e que os definise.
Entón nós propuxemos medidas, por dicilo así, tan innovadoras que non se podían levar a cabo porque non había marco legal. De feito, a nós parécenos tremendo que se estea rematando agora a primeira lei de vivenda do Estado español dende a transición. E a vivenda é un dereito recollido no artigo 47 da Constitución Española. É dicir, o Estado debe salvagardar e garantir o acceso a unha vivenda, poñendo medidas e evitando a especulación. Porén, o artigo 47 non se chegou a desenvolver correctamente nunca.
Cando gobernabamos, dende a Marea puxemos en marcha dous proxectos de vivenda pública: un na rúa Marqués de Pontejos, que xa está por fin en marcha, e outro en Xuxán, que aínda non o está. Tamén puxemos en marcha unha bolsa de alugueiro social, que pactamos co goberno local que se reforzaría, cousa que non fixeron.
Tamén fixemos propostas para regular os pisos turísticos, creando unha moratoria para elaborar un marco normativo. Entendemos que o Concello da Coruña ten a responsabilidade e a obriga de regular os pisos turísticos. Na Coruña hay aproximadamente case 800 pisos turísticos, en contraposición cos pisos de alugueiro convencional, que están sobre os 450. É dicir, a este paso a cifra dos pisos turísticos duplicará á dos pisos de aluguer convencional. Os pisos turísticos levamos anos dicindo que hai que regulalos. O Concello de Santiago, onde tamén goberna o PSOE, regúlaos dende hai anos, pero o Concello da Coruña entende que non ten ningunha obriga de facelo.
Co cal nós non só opinamos, senón que facemos e propoñemos. Pero nós xa o vimos facendo, xa pactamos a bolsa do alugueiro social, pero o goberno non o está facendo.
Como apostará a Marea Atlántica na loita contra o cambio climático na Coruña?
De moitos xeitos diferentes, e así o demostramos cando gobernamos na cidade. Cando gobernabamos ademais de aumentar a eficiencia con maior control sobre a planta de residuos da cidade, tamén amañamos un problema que tiña A Coruña, que eran os verquidos á ría. Por outro lado, avanzamos en temas de mobilidade, ao respecto de poñer en marcha sistemas de mobilidade alternativos aos vehículos de combustión.
Por exemplo, BiciCoruña, que agora é un éxito e estase financinando con fondos EDUSI, xestionados e solicitados pola Marea Atlántica. Polo tanto, é un proxecto da Marea Atlántica.
Temos tamén outro proxecto que estamos acordando co goberno actual, que é un mapa das enerxías renovables da Coruña: un mapa onde se detectan os lugares da Coruña onde sería posible buscar materiais de xeración enerxética ou temas de autosuficiencia.
E por último temos o operador enerxético municipal, que tamén é unha proposta da Marea, acordada co goberno e que, por desgraza, está bloqueada nalgún lío de trámites e de estudos previos. É outra cousa pola que queremos criticar ao goberno: nós acordamos a creación dun operador enerxético municipal, pero todo vai moi lento.
Falamos sobre a bicicleta como mobilidade alternativa ao vehículo privado. Pero gustaríame falar do transporte urbano, xa que o autobús urbano da Coruña remata a súa concesión no ano 2024. Como valora a Marea Atlántica o servizo público de autobús que hai na cidade e que medidas propón de cara a cando remate esta concesión?
Nós valoramos o servizo da Coruña como desfasado e anacrónico. É un contrato xa moi antigo que se fixo nun momento onde as condicións non eran as que hoxe en día se poderían esperar do contrato de prestación dun servizo público.
De feito, a Marea aumentou o uso do autobús público na Coruña grazas ao descenso dos prezos que logramos coa oposición clara da empresa privada, a pesar de que sempre obtivo beneficios e aumentaron un millón os usuarios. A longo prazo a empresa tivo máis beneficios.
En todo caso, dende a Marea Atlántica estamos apostando moi forte por unha empresa municipal de transporte, que sexa ademais intermodal. É dicir, que englobe non só o autobús, senón tamén as diferentes modalidades de mobilidade que existen, como é o caso das bicicletas.
No 2024 hai unha oportunidade histórica, posto que remata a concesión da campaña privada de Tranvías da Coruña. Entendemos que hai que apostar por unha empresa pública.
Recentemente fixemos un encontro co director adxunto da empresa municipal de transportes de Valencia, que estivo aquí na Coruña, traballando e avanzando nas posibilidades. Por suposto, hai que mellorar o mapa de rutas, pero tamén hai que mudar máis cousas. 2024 é fundamental.
E logo hai outra cousa importante, que é que non se pode entender A Coruña sen a mobilidade de toda a súa área de influencia e de toda a súa contorna. A Coruña é un punto de chegada e saída de centos de milleiros de coches todos os días e esta mobilidade non se vai amañar por moitas medidas que se fagan unicamente na Coruña: hai que contar con Culleredo, Oleiros, Cambre e Arteixo.
Isto supón negociacións coa Xunta, co Goberno do Estado e cos concellos limítrofes. Cando gobernou a Marea houbo un impulso cara a área metropolitana da Coruña moi importante. De feito, asinouse o que se chamou a declaración de María Pita. Pero iso no goberno de Inés Rey quedou atrás.
Cada concello non pode actuar como se estivese illado dos demais. Hai que actuar como un grupo de concellos que dá servizos a 400.000 persoas. Se existise legalmente a área metropolitana, como existe por exemplo en Barcelona, teríamos máis facilidade. Pero crear unha área metropolitana sen que exista un acordo ou consenso político é moi difícil por máis que dende a Marea Atlántica entendamos que é necesario.
Cal sería o papel do Concello no caso dun goberno da Marea Atlántica co Sindicato dos Traballadores da Limpeza?
Nós ao respecto da limpeza da Coruña cumprimos ata tal punto que deixamos os pregos preparados, que se acordaron con grandes melloras. O contrato aumentouse e fíxose con participación pública transparente e escoitando a todo o mundo.
Co cal, na Marea Atlántica xa melloramos a limpeza da Coruña. Pero o problema é que todas as melloras que recolle ese contrato non se están levando a cabo e o goberno actual do Concello da Coruña non está controlando debidamente todas as melloras que recolle ese contrato de prestación de lixo.
Nos temas internos podémonos meter menos. En realidade, na xestión do persoal interno estamos, obviamente, atentos a ver que sae nas investigacións. Nós aí pouco podemos meter e esiximos que o Concello se persone como parte prexudicada.
No programa da Marea Atlántica fálase de feminismo, dereitos LGBT, igualdade... Que medidas propón a Marea en igualdade e no eido social en xeral?
Precisamente hai pouco tivemos unha xuntanza con Alas, onde nos explicaban que estaban preocupados porque seguía habendo unha grande LGBTfobia e que vían aumentos de casos de violencia.
Nós cremos, entón, que hai que reforzar moito os programas de educación. Houbo, por exemplo, un cambio nun programa fundamental, que se chama Coruña Educa, que se leva ás escolas, onde anteriormente se estaba levando directamente por entidades. Agora pensamos que o Coruña Educa non está funcionando para iso como funcionaba hai anos e pensamos que hai que darlle unha volta.
En todo caso, nós o que propoñemos son medidas de educación e de convivencia. Iso témolo moi claro.
Despois hai outros problemas que tamén nos afectan a outros moitos sectores sociais, como a habitabilidade, as axudas... De feito imos asinar un protocolo con diferentes medidas con este colectivo e supoño que todos os partidos de esquerdas o asinarán.
Votaría a Marea Atlántica nun pacto co PSOE en caso de que os socialistas necesitasen os votos para que o PP non chegase á alcaldía?
A Marea fará todo o que sexa necesario polo ben da cidade da Coruña e así o demostramos cando gobernabamos e tamén estando na oposición. Nestes catro anos penso que fixemos unha oposición construtiva e razoable.
Obviamente vimos que iso ten os seus límites, que é que moitos proxectos da Marea Atlántica non foron continuados polo goberno de Inés Rey. Polo tanto, nós aspiramos a gobernar, xa que ninguén mellor que a Marea Atlántica para gobernar os proxectos da cidade.
De feito esta é unha das cousas que criticamos a Inés Rey. A alcaldesa cando chegou no 2019 dixo: "A Marea está ben, ten moi boas ideas, pero non sabe gobernar". Agora, catro anos despois, creo que se demostra perfectamente que ninguén como a Marea Atlántica para levar adiante os proxectos da Marea Atlántica.
Como pode valorarse a situación que ten a Marea Atlántica agora mesmo no panorama político segundo as enquisas, tendo en conta que baixou, previsiblemente, tres concelleiros?
A nós a enquisa que nos vale é a do 28 de maio. Ademais, dende a Marea levamos moitos anos loitando contra as dinámicas de recollida de datos e estatísticas nas enquisas.
Porén, o que se demostra con esta enquisa é que vai haber unha maioría de esquerdas na cidade da Coruña e que nós esperamos que a Marea Atlántica teña un papel predominante. Obviamente, A Coruña é unha cidade de esquerdas e segue confiando.
Entendemos que a cidadanía ten que facer as súas lecturas. Agora nós estamos intentando reunirnos con todo tipo de entidades, colectivos... Chegando a moita cidadanía e explicando a situación que temos, as propostas que temos, recollendo tamén as ideas e a análise da cidadanía. Atopamos moi boa sintonía coas medidas que estamos impulsando e levando adiante. Ou sexa, nós pensamos que esta enquisa a imos romper e a imos mellorar.
Escribe o teu comentario