O aeroporto de Santiago estreará pronto voos a Nova York con United Airlines
A aerolínea anuncia que o voo entre 'a gran mazá' e a capital galega será unha das súas novas rutas para 2026.
Nun momento no que a oferta de voos en Santiago de Compostela parecía pasar o seu peor momento pola desbandada de Ryanair do aeroporto compostelán, un anuncio sorpresa sitúa ao Rosalía de Castro como porta de embarque a Estados Unidos. E é que a compañía United Airlines vén de anunciar que a capital galega estreará pronto unha ruta con Nova York, conectando Lavacolla con Newark.
VOO A NY
Así o fixo saber a aerolínea nun comunicado no que descobre que pronto estrearán "catro destinos en Croacia, Italia, Escocia e España". Así, United estreará voos a Split, Bari, Glasgow e Santiago de Compostela.
Isto supón un fito para o aeroporto compostelán, que até a data non gozara dunha ruta cos Estados Unidos. Compartiría, así, ruta con Barcelona e suporía, en aparencia, un gran aforro cos voos desde Madrid, con rutas desde Barajas ao aeroporto JFK
A firma será a primeira estadounidense en conectar con este destino no norte de España. A conexión directa prevese para o 22 de maio de 2026 e contará con tres voos semanais até o 20 de setembro. Os voos, tal e como informa a compañía, realizaranse cun Boeing 737 MAX 8, con prazas para 166 viaxeiros.
Cabe destacar que esta é unha conexión moi importante para a comunidade, considerando a importante colonia de galegos emigrados a cidades como Nova York e Nova Jersey.
Escribe o teu comentario