Francisco Jorquera: "Os concellos gobernados polo BNG son unha auténtica referencia"

Galiciapress continúa coa súa serie de entrevistas aos candidatos á alcaldía da Coruña co candidato polo BNG, Francisco Jorquera. Algúns dos temas de esta conversa son os orzamentos municipais, as potencialidades da Coruña para converterse nunha cidade "de vangarda" ou a mobilidade urbana


|

Imagen de WhatsApp 2023 04 23 a las 19.12.42
Francisco Jorquera, fronte ao Concello da Coruña, na praza de María Pita / Foto: Galiciapress

Francisco Jorquera é voceiro do Grupo Muncipal do BNG no Concello da Coruña ademais de candidato á alcaldía da cidade herculina nas vindeiras eleccións municipais. Licenciado en Historia e veciño do Castrillón, inicio a súa militancia no nacionalismo galego no 1978, a través de ERGA, na súa etapa universitaria.

 

Foi asemade senador en Galicia no periodo 2005-2008, deputado da provincia da Courña no Congreso dos Deputados entre 2008 e 2012 e candidato á presidencia da Xunta nas eleccións autonómicas do 2012.

 

O BNG anunciaba hai pouco o seu lema para esta candidatura: 'Forza Coruña'. Que importancia ten este lema no modelo de cidade que ofrece o BNG para A Coruña?

 

Eu creo que ten importancia porque creo que A Coruña é unha cidade con moita forza e ten un enorme orgullo de si mesma. A Coruña ten enormes potencialidades e estou convencido de que se hai un goberno municipal capaz de mobilizar e poñer en valor todas estas competencias, entón A Coruña será unha cidade referente de futuro.

 

Polo tanto, co lema de 'Forza Coruña' pretendemos simplificar a forza e as enormes capacidades que ten esta cidade. E tamén a forza do BNG, porque con toda humildade cremos que temos proxectos, solvencia, capacidade, corazón e paixón pola cidade. O necesario para imprimirlle á Coruña o impulso que precisa.

 

O BNG fala duns orzamentos que sitúan aos barrios no centro da cidade. Como mobilizará o Bloque os recursos para dar aos barrios esa importancia que se merecen?

 

En primeiro lugar, falamos de poñer os barrios no centro porque todos os datos indican que as desigualdades entre barrios se acentuaron nos últimos anos. Non falo só de desigualdades por factores de renda, onde a capacidade de actuación do Concello foi un pouco máis limitada, senón tamén nas desigualdades sociais, que están tendo unha tradución na calidade do servizo público, dos equipamentos e dos servizos dos que disfrutan os cidadáns segundo a parte da cidade na que vivan.

 

É por iso que poñer os barrios no centro é para nós unha prioridade. Para iso optamos por un plan de rexeneración integral dos barrios da cidade, que convirtan o modelo de calidade urbana no que queremos converter A Coruña.

 

Refírome a equipamentos, zonas verdes, un espazo público de calidade e accesible para todos por igual... Que aposten decididamente pola dinamización da vida cultural e social tamén nos barrios da nosa cidade.

 

Creo que os desequilibrios son moi evidentes. Pero non o digo eu, é unha percepción moi xeralizada, sobre todo por parte da veciñanza que vive nos barrios máis populares da cidade.

 

Todos os partidos que se presentaron a estas eleccións falaron de peonalización, melloras no autobús, facer unha cidade máis amable e máis accesible á cidadanía... Como quere afrontar o BNG a mobilidade da cidade?

 

O BNG pode falar co exemplo. Este goberno municipal comprometeuse dende o inicio do mandato a abordar unha reforma do mapa de liñas de autobús, pero non o fixo. Tamén incumpriu outros compromisos en mobilidade, como o restablecemento do carril bus.

 

O anterior goberno muncipial tamén se comprometera a reformar ese mapa de liñas de bus, pero tampouco o fixo. O BNG pode falar dende o exemplo no sentido de que hai concellos gobernados por nós que son un modelo a nivel internacional en canto a unha nova aposta pola mobilidade.

 

O modelo de mobilidade que defende entón o BNG é un modelo que sitúa ao peón no centro da ocupación do espazo público, que será máis accesible para todos por igual, independentemente da súa idade e da súa condición funcional.

 

O que sucede é que nunha cidade das características e dimensións da Coruña abordar esa aposta por un novo modelo de ocupación do espazo público, que sitúe ao peón no centro, ten que facerse a través dunha aposta moi decisiva tamén dende o impulso do transporte público.

 

Polo tanto, consideramos que a escala local é necesario reformar mapa de liñas de autobús para que non só estean ben conectados os distintos barrios co centro, senón para conectar ben tamén cos distintos barrios entre si e os distintos barrios cos polígonos industriais e cos centros hospitalarios.

 

É esencial para iso apostar por un modelo que facilite a interconexión entre as distintas liñas e reducindo o tempo de espera nos transbordos. Para iso, necesítanse intensificar frencuencias e ampliar os horarios para que se teñan en conta as necesidades ditadas pola xornada laboral.

 

Hai persoas na nosa cidade que se trasladan a polígonos industriais e non poden coller o bus, ben porque as conexións son moi deficientes, ben porque o servizo empeza a funcionar a unha hora na que esa persoa xa ten que estar no centro de traballo. E sucede o mesmo á inversa, cando ten que retornar ao seu domicilio.

 

Porén, se situamos no cenrto a potenciación do transporte público, isto hai que facelo tamén a escala metropolitana.

 

Ou sexa, non é só mellorar a mobilidade dentro da cidade, senón que o goberno municipal impulse a mobilidade coa periferia?

 

Hai que pensar que na Coruña entran cada día tantos coches como vehículos integran o parque móbil da nosa cidade. Este é un modelo total e absolutamente insostible e máis aínda se temos en conta as características xeográficas da Coruña: somos unha península co centro situado nun istmo.

 

Polo tanto, hai que apostar pola mellora do transporte público metropolitano, polo establecemento de servizos ferroviarios de cercanías e polo establecemento incluso de servizos de transporte marítimo.

 

Nós sabemos que isto excede as competencias do Concello da Coruña, pero para nós é unha prioridade que no próximo mandato se impulse unha creación da área metropolitana da Coruña, paralelamente, mentres non estea constituída a concentración de políticas e servizos a escala comarcal.

 

Porén, neste mandato, xa concluíndo, non se deu ningún paso nese sentido, cando a realidade da Coruña actual é incomprensible se non se ten en conta a súa realidade metropolitana.

 

A Coruña e Vigo son as áreas urbanas con máis poboación do estado español que carecen de servizo de ferrocarril de cercanías. Cremos que é unha carencia que non é xustificable, tendo en conta as necesidades dos tempos de hoxe e tendo en conta a realidade da Coruña, onde hai miles de persoas que traballan na cidade e residen nos concellos da contorna e, á inversa, miles de persoas que residen na Coruña e traballan, por exemplo, no polígono de Sabón, en Arteixo, ou no de Alvedro, en Culleredo.

 

En canto á peonalización, considera que se está levando a cabo un proxecto erróneo de peonalización das rúas?

 

A nós parécennos ben as actuacións que está habendo en materia de peonalización. De feito, en certa medida cremos que o goberno municipal está respondendo ao impulso e esixencia do BNG nese campo.

 

O que acontece é que se están facendo actuacións illadas e desconectadas dun modelo global de cidade. Non abonda só con peonalizar. Hai que ter perfectamente claro o modelo de cidade que se quere construír en canto á ocupación do espazo público e en canto ao modelo de mobilidade.

 

Dende o noso punto de vista, o goberno municipal carece desa visión. É imprescindible para apostar por este modelo, por exemplo, que haxa aparcamentos disuasorios na contorna da cidade e que estean ben conectados con liñas de autobuses que actúen como lanzadeira co centro da Coruña e con outros puntos.

 

Nada se fixo neste sentido e constatamos que non hai realmente un modelo de mobilidade alternativo e imprescindible a implantar.

 

Como podería mellorar a orzamentación na Coruña co goberno do BNG?

 

É imprescindible que se elaboren os orzamentos en tempo e forma.

 

Unha das críticas máis importantes que lle facemos ao actual goberno municipal, malia a disposición ao diálogo e á cooperación, é que nos catro anos de mandato só foi capaz de presentar os orzamentos en dous. Nos outros dous, funcionamos con orzamentos prorrogados, como é o caso deste ano 2023.

 

De feito, tivemos aínda que esperar a hai un par de semanas para que se aprobase unha modificación destes orzamentos prorrogados para poder atender a unha serie de investimentos urxentes.

 

Por tanto, para que o Concello da Coruña cumpra coa parte que lle corresponda dos seus compromisos é imprescindible ter un goberno municipal que elabore os orzamentos en tempo e forma e que estes atendan ás necesidades da cidade.

 

A líder do BNG, Ana Pontón, falaba dunha "alcaldía de vangarda" na Coruña, no caso dunha vitoria do BNG nestas eleccións municipais. Está entón A Coruña na retagarda do goberno co Partido Socialista?

 

Eu non me atrevería a facer unha afirmación tan rotunda, porque aínda que en política hai veces que se tende ás hipérboles, a min gústame ser unha persoa ecuánime.

 

Creo que o goberno municipal do Partido Socialista non está sabendo tirar as potencialidades enormes que ten esta cidade. A Coruña reúne as condicións para ser unha cidade de vangarda en moitos aspectos: ten un tecido económico o suficientemente rico e o suficientemente diverso para ser o grande motor económico de Galicia. É unha cidade que se caracterizou sempre polo seu grande dinamismo social, pola súa grande creatividade e vitalidade no ámbito cultural.

Pero, dende o noso punto de vista, nestes catro anos o PSOE non foi capaz de aproveitar esas enormes potencialidades na cidade, posiblemente por falta de ideas, por falta de capacidade, de iniciativa e tamén porque foi un goberno enormemente minado polos seus conflitos continuos e os seus problemas internos. Isto fixo que o PSOE non atendese debidamente nin sequera as necesidades do día a día da cidade.

 

Pola contra, eu creo que hoxe en día os concellos gobernados polo BNG son para moitos galegos e galegas unha referencia de boas prácticas municipais.

 

Pontevedra estase a converter nunha auténtica referencia internacional en canto á contrución dun espazo urbano de calidade e pensado para as persoas, de como se poden reverter as dinámicas de perda de poboación e de perda de vitalidade en concellos do interior de Galicia. Allariz é outra referencia, pero poderíamos mesmo falar dun exemplo máis achegado, como Carballo.

 

Creo que o BNG aporta o seu bo saber na política municipal e os concellos gobernados por nós son unha auténtica refencia.

 

Podería o PSOE contar cos votos do BNG no caso de que lles fosen precisos para que o Partido Popular non chegase a gobernar en María Pita?

 

Non nos presentamos ás eleccións partindo desa hipótese. O BNG preséntase ás eleccións a por todas, coa vontade clara de liderar políticamente esta cidade. Porque creo que no tempo que estivemos traballando na oposición no Concello, fronte aos continuos conflitos e problemas doutras grupos, o BNG aportou á política municipal capacidade, solvencia e fiabilidade.

 

Concorremos, por tanto, a estas eleccións cunha candidatura excelente, cun equipo sólido, formado por persoas moi preparadas, con capacidade de iniciativa.

 

Podería facer unha valoración do que din as enquisas sobre que é o que pode pasar o vindeiro día 28?

 

Eu creo que hai tres escollas. Unha escolla: catro anos máis de continuísmo. Isto é o que ofrece o PSOE. Outra escolla sería retornar a un modelo de cidade caduco e xa superado. Isto creo que é o que representa o Partido Popular. E hai unha terceira escolla: apostar por un cambio de rumbo transformador, que lle devolva á Coruña o impulso que necesita.

 

En absoluto minosvaloro as enquisas, porque delas se poden extraer e valorar datos interesantes para valorar o estado da situación e coñecer cales son as preocupacións dos cidadáns, pero hai enquisas que fan un pronóstico de resultados moi diverso.

 

Eu coñezo enquisas que dan mellores resultados para o BNG. En calquera caso, todas coinciden nunha cousa: o BNG ten unha tendencia ao incremento moi clara e moi sólida. Polo tanto, non nos poñemos ningún límite.

 

Sempre poño o exemplo de que nas pasadas eleccións autonómicas o BNG partira de 6 deputados, de 75 que compoñen o Parlamento Galego, e o BNG acadou 19 deputados e se convertiu na forza política maioritaria na oposición e na alternativa ao Partido Popular en Galicia. E hoxe en día hai poucos galegos e galegas que discutan que a vindeira presidenta da Xunta de Galicia se vai chamar Ana Pontón.

 

Esta tendencia á alza tamén existe nesta cidade e polo tanto imos ir nestas eleccións a por todas sen poñernos ningún límite.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE