Veciños de Ourense reclaman ao Concello recuperar a liña de bus ao hospital que lles retirou Jácome
A Asociación Veciñal As Termas reclama que a liña 6, modificada no plan de mellora municipal, volve ser unha conexión directa co hospital ourensán.
Moitos veciños de Ourense acudían á Praza 200 para subir ao bus da liña 6, a da antiga estación, que os levaba directamente ao Hospital o Ourense. Esa conexión directa co CHUO era moi necesaria para os residentes desta zona de vivendas sociais cunha poboación moi envellecida e afectada agora polo plan de mellora municipal do trazado dos buses urbanos que impulsou o Goberno de Gonzalo Pérez Jácome e que os deixou sen ese recurso que consideran tan necesario.
SEN CONEXIÓN DIRECTA
Desde a Asociación Veciñal As Termas puxeron en marcha unha campaña para recuperar esa liña de bus con saída desde o barrio e xa iniciaron os contactos co consistorio auriense para tratar de reverter a situación, xa que subliñan que este era un servizo "eficiente e puntual".
Na reunión veciñal os afectados puxeron sobre a mesa as propostas para solucionar o conflito e recuperar a liña 6 en lugar da nova liña 4, que aínda que resulta mellor para chegar ao centro, deixa desconectado ao barrio de infraestruturas como Expourense ou o CHUO.
A proposta lanzada ao Consello é recuperar a ruta desde Praza 200 ao hospital para que a liña 6 volva ter o seu inicio no barrio nun servizo con buses cada media hora. Ao tempo, demandan que se mellore a información sobre os horarios e rutas, que non figura na marquesiña principal do barrio, e o compromiso do Goberno local de non retirar a conexión directa co hospital.
Escribe o teu comentario