Vítimas do apagamento en Taboadela: tres mortos intoxicados pola mala combustión dun xerador
As vítimas son un matrimonio de 81 e 77 anos de idade (F.D.R. e A.F.M.) e o seu fillo de 56 anos (F.J.D.F). Unha das vítimas necesitaba da asistencia dun respirador.
Tres persoas, un matrimonio e o seu fillo, apareceron falecidas na súa vivenda en Taboadela (Ourense) en torno ao mediodía deste martes, ao parecer por unha intoxicación con monóxido de carbono.
Tal e como confirman a Europa Press diferentes fontes dos servizos de emerxencias, os dous membros do matrimonio tiñan 81 e 77 anos de idade (F.D.R. e A.F.M) e o seu fillo, 56 anos (F.J.D.F).
En declaracións a Europa Press, o alcalde de Taboadela, Álvaro Vila, sinalou que "hai indicios" de que a intoxicación puido deber á mala combustión dun xerador que utilizaron este luns para garantir o funcionamento dun respirador que necesitaba o home de 81 anos.
"É unha especulación, pero está a Policía Xudicial facendo as comprobacións e todo o demais, pero hai indicios de que pode ser por aí", explicou o rexedor.
Segundo explicou o alcalde, foi unha traballadora do servizo de axuda a domicilio que acudía ao inmoble das vítimas quen deu a primeira voz de alarma ao non lograr que lle abrisen a porta. Nese momento, deu aviso ao traballador social do concello, que se achegou até o lugar.
Ante a imposibilidade de acceder, o traballador do concello informou da situación ao tenente de alcalde, que procedeu a chamar á Garda Civil e aos Bombeiros. Cando entraron os servizos de emerxencias na vivenda xa se atoparon ás tres persoas falecidas.
Así mesmo, veciños da zona afirmaron que o pai padecía un cancro e estivera uns días no hospital, polo que necesitaba un respirador que lle proporcionase osíxeno.
O Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 confirmou que recibiu unha chamada sobre as 12.55 horas deste martes. Até o lugar desprazouse ao equipo de Atención Primaria da localidade e tamén se mobilizou unha ambulancia de soporte vital avanzado, aínda que finalmente non chegou a asistir.
Escribe o teu comentario