Accidente mortal en Cortegada: falece un veciño da Valenza de 35 anos nunha saída de vía
Os feitos ocorreron ao redor das 17:10 horas deste venres no quilómetro 12,6 da estrada OU-801. O sinistro deixou tamén un ferido de gravidade.
Un home de 35 anos veciño da Valenza (Ourense) morreu este venres nun accidente de circulación no municipio ourensán de Cortegada, onde sufriu co seu coche unha saída de vía para acabar impactando contra un noiro despois de atravesar unha leira.
O sinistro, no que tamén resultou ferido de gravidade outra persoa que viaxaba de acompañante, tivo lugar ás 17,10 horas deste venres no quilómetro 12,6 da estrada OU-801 que une Ribadavia (Ourense) coa fronteira de Portugal.
O coche que conducía o falecido, de marca Volskwagen, saíuse da vía nun tramo lixeiramente curvo para invadir unha leira pola que descendeu até impactar contra un noiro. O outro ferido foi trasladado a un hospital en estado grave.
Escribe o teu comentario