Quen conducía o coche do Concello de Ourense multado en Vigo un sábado pola noite? Jácome di que non era el
O alcalde e o seu equipo poden utilizar os vehículos públicos para os seus desprazamentos na cidade, pero só para actos oficiais. O automóbil en cuestión é coñecido en Ourense por ser o que usa habitualmente Gonzalo Pérez Jácome.
Gonzalo Pérez Jácome e o seu equipo non deixan de xerar polémicas. Primeiro foi o Rei Baltasar seleccionado para a Cabalgata de Reis a pesar de ter dúas condenas por abusos sexuais, despois foron os contratos a dedo a dúas empresas de comunicación para acompañar a anciáns e agora é unha multa ao coche que usa habitualmente o alcalde de Ourense un sábado pola noite en Vigo.
O asunto saltou cando un usuario de Facebook, habitualmente crítico co líder de Democracia Ourensá, desvelou que o Peugot oficial que usa habitualmente Jácome recibira unha multa en Vigo. Manuel Blanco asegurou que foi un sábado pola noite e que o Concello de Ourense negouse a identificar ao condutor.
Como o Concello de Ourense non identificou ao infractor, a administración triplicaría a multa até os 1.200 euros. Sanción que debe saír dos fondos públicos municipais. A versión inicial é que circulaba a 80 quilómetros por hora nunha zona limitada a 50 cando foi interceptado por un radar.
O tema podería non pasar de rumor en redes sociais de non ser recollido polo PSOE e hoxe confirmado, até certo punto, polo propio alcalde.
Os socialistas esixiron o luns que o municipio identificase ao condutor. De paso alertaron que no Concello non hai un rexistro -ou polo menos non un rexistro accesible á oposición- de quen usa cada vehículo e cando.
Con estas vimbias, Jácome tiña fácil non dar por aludido. Con todo, hoxe o líder localista ha recoñecido que existe a multa e, entre liñas, que non se identificou ao condutor varios meses despois de recibida a primeira sanción. Iso si, o alcalde puntualizou que non era el quen estaba ao volante, a pesar de que son numerosos os testemuños que indican que este edil e os seus colaboradores máis estreitos son os que usan habitualmente o Peugot 308 cor mostaza.
O Bloque acábase de sumar este martes á petición socialista de información. Para os nacionalistas estamos ante un feito gravísimo que demostra como Jácome e o seu equipo ven o uso dos recursos público.
RESPOSTA DE JÁCOME
Pérez Jácome pronunciouse hoxe por vez primeira sobre o asunto. O edil dixo que el non ten nada que ver coa multa. O cofundador de DO prometeu que no seu equipo están a preguntar quen é o condutor responsable. Cando o identifiquen, "a infracción correrá a cargo do responsable".
O mandatario tentou marcar distancias argumentando que son cinco os coches municipais e que tamén os usan funcionarios. Parece moi improbable que un cargo político -e moito menos un traballador público de Ourense- poida xustificar estar en Vigo un sábado pola noite cun coche oficial.
O alcalde quitoulle ferro a "unha multa de 1.000 euros" lembrando que el prescindiu do vehículo oficial con chofer que usaban os seus predecesores no cargo.

Escribe o teu comentario