Pais de Verín convocan unha mobilización ao quedar o ambulatorio sen pediatra até mediados de xaneiro
As vacacións da única facultativa que presta o servizo de pediatría no centro de saúde deixan ao ambulatorio de Verín sen pediatra durante 15 días.
As vacacións da única facultativa que presta o servizo de pediatría no centro de saúde deixan ao ambulatorio de Verín sen pediatra durante 15 días.
O SERGAS di que a falta de profesionais en todo o Estado impide a cobertura, mentres pais e nais da localidade organizan unha mobilización ante o Concello o vindeiro venres 6 de xaneiro.

Verín vive o seu particular Día da Marmota cunha recorrente crise na sanidade pública do municipio. A localidade ourensá volve acaparar portadas pola falta de recursos e profesionais sanitarios, nesta ocasión polas carencias que presenta o centro de saúde da localidade e a preocupante ausencia de pediatras para atender aos máis pequenos de Verín e arredores.
Até dentro de dúas semanas o centro de saúde non expón ter cobertura nesta especialidade, xa que a única pediatra do ambulatorio está a gozar dos días de vacacións que lle pertencen. Como sinalan desde Diario do Támega o centro veronés viu recortado o número de efectivos nesta especialidade en cuestión duns poucos meses, pasando de tres pediatras a tan só un, que nestes momentos está ausente por vacacións.
PROTESTAS O DÍA DE REIS
Ante este escenario, un grupo de nais e pais preocupados promoveron unha mobilización para o vindeiro venres 6 de xaneiro, Día de Reis, ante o Concello de Verín ás 12 horas para protestar por esta situación. Os convocantes chaman a toda a cidadanía a sumar a esta demanda e desexarlle aos Reis Meigos “máis pediatras”.

Lorena Colmenero, enfermeira no servizo de Urxencias do Hospital de Verín e unha das nais detrás desta iniciativa, denunciou en Radio Nacional que os pais ven abocados a levar aos seus fillos por Urxencias ante a falta de pediatras. “Non entenden por que teñen que vir por Urxencias simplemente por unha tose, mocos ou febre, cousas que resolverían cunha consulta. E aquí atrásase todo, polo que se tiran dous, ou tres, ou catro horas esperando”, lamenta.
Desde o SERGAS recalcan, unha vez máis, que a falta de pediatras é un mal endémico en todo o Estado e que responde á falta de profesionais cualificados.
Escribe o teu comentario