O camarada Serguei non le Mafalda

Manuel Vilas López

Vístase de felicidade, anima o comerciante ao peón da Rúa de San Pedro de Santiago de Compostela; coma se a felicidade fose algo que atopamos ao abrir o armario, entre a vinganza e a melancolía.

 

Frases para reflexionar
Frases para reflexionar nun comercio da Rúa San Pedro de Santiago de Compostela / I. Cs.


Unha vez pedíronme que entrevistase a un deses comerciantes que escriben mensaxes nas lousas das fachadas dos seus negocios.
 

A foto da lousa que me mandaron para animarme a entrevistalo dicía algo así: “Cando non saibas que pór, pois ponte algo feliz, a felicidade combina con todo. Asinado Mafalda”.
 

Nunca puiden facer esa entrevista, nunca poderei. 

 

En primeiro lugar, as entrevistas son un xénero que me xera un rexeitamento case atávico. Aínda hoxe, un cuarto de século despois de enrolarme nesta maldita-fantástica profesión, a perspectiva de ter que finxir interese por alguén me supón, ademais dun desafío profesional, certa asunción dunha derrota. Todos deberiamos ser libres de elixir cando queremos actuar. 

 

Lamentablemente, non é así. Adrien Brody tamén tivo que rodar Predators para logo ter a ocasión de que lle ofrecesen interpretar a László Tóth. Do mesmo xeito que os actores, os xornalistas tamén temos moito ego e o vicio de comer. 
 

En segundo lugar, non puiden facer esa entrevista porque me dá pudor ter que enfrontarme a alguén capaz de colgar na vía pública tal exhorto ao optimismo. Vístase de felicidade,  anima o comerciante ao peón da Rúa de San Pedro de Santiago de Compostela; coma se a felicidade fose algo que atopamos ao abrir o armario, entre a vinganza e a melancolía.
 

Somos vítimas dun tratamento de optimismo forzado. Inculcáronnos a mentira do soño americano até o espiñazo, mesmo na forma de avaliar a nosa existencia. Se non cheguei a ser o mellor aleiro branco tirador da NBA é porque non metín as horas de adestramento necesarias. Do mesmo xeito, se vostede non alcanzou as súas metas e non é feliz, a culpa é súa, esfórcese máis. 

 

Un consello útil. Fixe cinco metas que queira lograr dentro de cinco anos e poña todo o seu empeño en conseguilas. Malo será que non logre algunha, aínda que para alcanzala deba levarse por diante a quen teña ao seu carón. Non se ande con milongas: traballe máis, coñeza a máis xente, consuma máis, viaxe máis, sorría, medite, loite até o último alento.

 As emocións pódense meter debaixo da alfombra, pero suprimilas é tan inviable como controlar un orgasmo. “– Eu bebo para afogal-as penas; mais as condanadas aboian”, plasmou Castelao.

 

Esta moda de positividade resúltame tóxica. Co tempo tiven a ocasión de observar de cerca os seus efectos noutras persoas. Paréceme unha trampa, porque fomenta a supresión de emocións tachadas de "negativas" -como a tristeza, a morriña, a vinganza ou a envexa- cando en realidade suprimir emocións é imposible. As emocións pódense meter debaixo da alfombra, pero suprimilas é tan inviable como controlar un orgasmo. “– Eu bebo para afogal-as penas; mais as condanadas aboian”, plasmou Castelao.
 

A positividade constante paréceme, ademais, perigosa. Empúxanos a borrar os recordos que nos fan sufrir. Se o ser humano é o único animal que tropeza dúas veces coa mesma pedra, intúo que tropezará aínda máis veces se esquece esa pedra.

 

Máis san paréceme a actitude de asumir as nosas derrotas. Estar atento, iso si, ás novas oportunidades porque, non esquezan, o destino golpearanos de súpeto, pero tamén nos ofrecerá segundas oportunidades. Ocasións que non seremos capaces de identificar si estamos inmersos nunha carreira constante.

 

A vida, ademais, garda sorpresas. A min, xornalista con entrevistofobia, despacháronme unha vez para entrevistar ao maior Sergei Krikalev, que por entón era unha pequena celebridade mundial.  O camarada Sergei é aquel cosmonauta que despegou sendo soviético e volveu 311 días despois -o dobre do previsto- cando a URSS xa non existía. 
 

Camarada sergei
Sergei Krikalev pasmando a bordo da MIR nunha imaxe creada coa IA Grok

 

O destino púxome diante a Sergei Krikalev e pregunteille si, cando estaba orbitando mentres o seu país ía ao tacho, algunha vez estivo tan desesperado que pensou seriamente na posibilidade de morrer a bordo daquela nora eterna. O camarada Serguei respondeume que, loxicamente, si. De feito, engadiu, asumir a miña probable morte foi a única maneira de non tolear e así estar en condicións de pilotar cando se acordasen de min.

 

Sorprendentemente, tras tal odisea, o maior Krikalev volveuse a montar nun foguete espacial. E non unha, senón catro veces máis. Por que?, cuestionei, é vostede un optimista nato? O ruso quedou calado un anaco. Cando xa  parecía que non ía responder, sorriu, inclinou a cabeza e dixo: “por egoismo, supoño; o premio era demasiado bo”. Un realista, o camarada Sergei. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE