Facer país desde os Concellos

Manoel Barbeitos
Economista

Resulta evidente que, a pesar dos anos que levamos de democracia, de contar cunhas institucións autonómicas (Goberno, Parlamento, Tribunal Superior de Xustiza, Valedoa do pobo, Consello Consultivo), unha carta constitucional (Estatuto de Autonomía), uns medios públicos galegos (#CRTVG), unha Real Academia Galega, un Consello da Cultura Galega, un himno e unha bandeira propios...a articulación institucional, territorial, social e cultural de Galicia como país é aínda moi deficiente

 

Entre as razóns que explican talles deficiencias están os elevados déficits municipais tanto a nivel individual como colectivo. Uns déficits derivados, por caso, de que os concellos galegos non ocupan, no espazo das políticas públicas, o lugar que lles son propios nunha democracia avanzada. Non ocupan ese lugar, entre outras razóns relevantes, porque os partidos políticos, como podemos comprobar nas sucesivas compañas electorais, non parecen ser quen de dotar dunhas políticas municipais que combinen a visión particular coa visión de conxunto. Non teñen unha oferta política que inclúa un programa individual para cada concello, en base aos seus problemas propios e particulares, xunto a un programa municipal común para o país. Unha oferta política tal que, máis aló da lingua e a cultura abarca, por caso, materias tan relevantes como a fiscalidade, o modelo territorial e urbanístico, a defensa do medio ambiente, a vivenda, a igualdade de xénero e o benestar comunitario. Materias que debuxan un país.

 

Unha evidencia desta falta de perspectiva de país vémola, por caso, na común defensa das Deputacións Provinciais -un vestixio das Cortes de Cádiz (30 de maio de 1812)- que vai en dirección contraria ao que sería unha política de "facer país desde os concellos". Unha defensa na que inflúe decisivamente o "atroz partidismo" que antepón os intereses partidarios aos intereses municipais ou comunitarios. Velaí que, como vén sucedendo desde sempre, todos os partidos políticos substitúan o debate sobre os problemas que aburan aos concellos galegos como, por caso, os citados nun artigo anterior neste mesmo medio por unha confrontación partidista na que o goberno municipal aparece como unha panca para alcanzar o poder autonómico e non como un poder galego con personalidade de seu tal como establece, por caso, o Estatuto de Autonomía (Arts. 2.2 e 49).

 

Unha estratexia que está a demostrar ser un fracaso, velaí o caso particular do PSdeG-#PSOE que sendo maioría municipal -o 55% dos galegos e galegas están gobernados por un rexedor ou rexedora socialista- non pasa de ser a terceira forza no Parlamento galego. Unha estratexia que tamén está a impedir que os concellos galegos contribúan a facer país. Un país que sexa unha democracia avanzada.


 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE