O cambio climático afundirá ás grandes urbes galegas do Atlántico
A liña de costa será dos primeiros lugares máis afectados no caso de que o nivel do mar suba por efecto do cambio climático. Isto traduciríase na desaparición de lugares, habitados ou non, na extinción de especies animais así como o aumento dos índices de contaminación na auga e o aire. Por suposto, a crise humanitaria sería moi grave e moi difícil de superar eliminando fontes de recursos económicos e de sustento
O cambio climático é unha das ameazas máis graves que afronta o ser humano no contexto contemporáneo, e con repercusións especialmente críticas para as rexións costeiras. En Galicia, a costa enfróntase a transformacións drásticas nas próximas décadas. Un informe de Greenpeace, titulado "Crise custe o que custe 2024", advirte que as praias galegas comezarán a desaparecer na próxima década, o que expón serias ameazas á vida, a economía e a biodiversidade en Galicia.
Impacto, causas e consecuencias
As proxeccións sobre o impacto do cambio climático nas costas galegas son importantes. Anticípanse danos moi graves para localidades como Vigo, A Coruña e Vilagarcía para 2030 (en cinco anos!). O retroceso das praias será de entre 20 e 30 metros no ano 2050 e é que as estimacións apuntan a un aumento do nivel do mar de entre 20 e 30 centímetros até esa data, e de 50 a 70 centímetros para 2100. Os tramos costeiros máis vulnerables inclúen zonas como Foz, Viveiro, e a Ría de Arousa, onde a erosión e o retroceso costeiro ameazan a infraestrutura e as comunidades.
Alberto Martí, profesor da Universidade de Santiago e presidente da Asociación Española de Climatoloxía, sinala que as temperaturas en Galicia seguirán en ascenso, o que esixirá unha adaptación forzada en diversos sectores, incluíndo a agricultura. Este aumento de temperaturas xa está a provocar cambios significativos nos cultivos, coa expansión de viñedos e a introdución de novos cultivos que non eran tradicionais na rexión, como o aguacate.
Entre as causas do agravamento da situación destácanse a urbanización descontrolada, a construción de barreiras artificiais, e o uso insosteible dos recursos naturais, non só a nivel galego, senón a nivel mundial. Estes factores contribuíron a desequilibrios na contorna costeira, exacerbando o retroceso e a perda de praias, o que representa un risco para a vida de millóns de persoas tanto na liña de costa como no interior, pois este tamén se verá afectado por migracións incontroladas, eliminación de áreas agrícolas e outros supostos.
A contaminación nas rías galegas complica aínda máis o panorama. Greenpeace advertiu que o nivel de contaminación en praias e rías, como as de Arousa e Vigo, pode pór en perigo a biodiversidade mariña. Esta situación xa repercute negativamente na pesca artesanal e a produción de mariscos, sectores económicos xa bastante danados. A perda de biodiversidade crearía un desequilibrio ecolóxico importante coa desaparición de especies peláxicas e marisqueiras, ademais de que a alimentación humana veríase moi resentida, e a todo isto sumaríaselle a perda de postos de traballo e poder adquisitivo.
Caben solucións?
As solucións que se adopten non poden ser só puntuais, específicas, deben ser globais porque a subida do nivel do mar é mundial. As propostas para reducir riscos pasan por unha redución moderada das emisións de gases de efecto invernadoiro. Os cálculos arroxan datos de que así se podería evitar até un 40% do retroceso das praias en todo o mundo. Greenpeace fai un chamamento á conservación e protección das praias, argumentando que os beneficios económicos deste investimento serían enormemente superiores aos custos asociados coa inacción.
A Xunta de Galicia di iniciar diversas medidas para afrontar esta crise. Anxos Vázquez, conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, sostén que desde a implementación da Estratexia Galega de Cambio Climático e Clima 2050 en 2019, logrouse reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro nun 19,5%. En tal caso, as políticas medioambientais non parecen desacelerar os efectos adversos, pois as temperaturas seguen aumentando e os efectos na costa pódense verificar en fenómenos como a erosión acelerada nalgunhas áreas.
O cambio climático e as súas consecuencias representan un desafío crucial para a costa galega. Así, os areais que desaparezan farano con toda a diversidade que posúen e isto suporá unha catástrofe humanitaria e económica. A necesidade de que todas as autoridades políticas e os sectores empresariais entendan que é imperioso frear o cambio climático, vólvese cada vez máis necesario. A ciencia e a conciencia colectiva indican unha mensaxe clara: o momento de actuar é agora, antes de que os danos se convertan en irreversibles.
Escribe o teu comentario