O C.E.I.P. Sardoma Moledo de Vigo, sen conserxe desde que este se xubilou
O centro non ten calefacción debido a que non hai persoal para acendela e apagala e o sistema de programación non funciona
Tras a información trasladada a Podemos Vigo sobre o C.E.I.P. Sardoma Moledo de Vigo sobre a situación de abandono nas tarefas de mantemento e conservación das instalacións educativas, e despois de que membros do grupo político realizasen unha visita ao centro, consideran que "teñen que apoiar esta denuncia e subliñar que queda curta coa realidade que está a pasar no centro".
Segundo denunciou o grupo municipal de Podemos na cidade olívica, o colexio carece de conserxe desde que este se xubilou. Afirman que esta era unha das persoas encargadas de realizar tarefas cotiás no centro, como é o aceso e apagado da calefacción, xa que o sistema de programación está avariado. "Ao non haber persoal encargado desta tarefa, a calefacción non funciona en ningún momento e os nenos e nenas sofren o frío desde finais de novembro", asevera Podemos Vigo. Aseguran que a outra opción "é deixar a calefacción activdada todo o día, pero ante a crise enerxética e o diñeiro público que faría falta para isto, non é unha opción viable".
Nun comunicado de prensa, o grupo municipal alerta que xa reclamara ao Concello de Vigo a substitución do conserxe. Nunha reunicón o pasado 3 de novembro co concelleiro de Educación e Xuventude, Gorka Gómez, comunicóuselles que o conserxe non chegará até marzo ou abril, incumprindo a promesa.
Nesta reunión, tamén se reclamou que se realizasen as tarefas de competencia por parte do Concello que só aparecen no colexio cando a situación é moi grave e solicítaselle reiteradas veces.
A corporación política advirte de que o colexio ten algunhas deficiencias no teito do pavillón. Ademais, afirman, hai unha beirarrúa que termina en buraco, onde non existe seguridade para os nenos e nenas.
Podemos Vigo tamén denunciou que estas irregularidades non son as únicas sobre o estado dos colexios públicos, lembrando o caso do colexio A Paz Tintureira, que no acto de fin de curso pasado, afirman, recomendábase aos asistentes ao acto que pasasen polo Concello a reclamar o arranxo das xanelas do pavillón, xa que non abría ningunha e os asistentes tiñan dificultades para respirar.
Tamén lembraron a necesidade de retirar as cubertas de uralita no C.E.I.P. dá Sobreira e noutros moitos colexios, "que aínda teñen estes materiais contaminantes canceríxenos e que un día si e outro tamén, despois de épocas de choiva, aparecen anacos polos patios", denuncian desde o grupo político.
Escribe o teu comentario