Néstor Rego pide ao Goberno que rectifique e permita a concentración do xoves na Toxa
Se non rectifican, denuncia o deputado nacionalista "o Goberno estaría a empregar "argumentos políticos para impedir a presenza de movementos sociais" durante a celebración do evento"
O BNG rexistrou no Congreso iniciativas para pedir ao Goberno central que rectifique e que permita a concentración solicitada pola Mesa pola Normalización Lingüística o vindeiro xoves na ponte da Toxa, en defensa do topónimo oficial da Toxa no nome do Foro A Toja.
De non rectificar, asegurou o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, o Goberno estaría a empregar "argumentos políticos para impedir a presenza de movementos sociais" durante a celebración do evento.
"A prohibición parece máis fundada en argumentos políticos que xurídicos e no interese de impedir a presenza de movementos sociais en defensa da normalización da lingua galega", afirmou o deputado nacionalista.
O BNG defendeu, así mesmo, que o argumento da Subdelegación do Goberno en Pontevedra de que a concentración podería "afectar a orde público" e á "seguridade de persoas e bens", coincidindo coa apertura deste evento a cargo do monarca Felipe VI, entre outras autoridades institucionais e empresariais, "non se sostén".
Segundo o BNG, poderíase propoñer un cambio de itinerario ou, por exemplo, "marcar a ocupación dun só carril para garantir así o acceso ao evento e á illa para o resto de residentes".
"Parece sorprendente que o Goberno español no canto de preocuparse porque se respecte a legalidade, neste caso, da toponimia galega, o que faga sexa atacar e vulnerar dereitos fundamentais como o de manifestación ou expresión", remarcou Néstor Rego.
Escribe o teu comentario