A mellor tapa de Galicia está no Restaurante Paprica de Lugo con bonito e froitas da paixón como protagonistas
O chef de Pas de Reis Álvaro Villasante alzouse como gran triunfador da noite, na que o público tamén encumbró a Álvaro Pérez Blanco do Artesá Gastrobar.
No Restaurante Paprica non faltan nunca comensais. O son do teléfono coas chamadas para reservar mesa son moitas veces o fío musical do lugar, pero agora vai saltar a caixa de correos de voz, porque vén encima un aluvión de telefonazos no local que, neste 2023, presume de ter ao Mellor Cociñeiro de Tapas de Galicia.
O ‘Bonito, morrón, cebola e paixón Que ricos de sabor!’ de Álvaro Villasante foi o manxar que conquistou o padal dos xuíces do ‘Gala Show Cooking Mellor Cociñeiro de Tapas por Galicia’ organizado por Turismo de Galicia. Na gala tamén se coroou a outro Álvaro, nesta ocasión Pérez Blanco do Artesá Gastrobar de Santiago de Compostela , que levou o premio do público.
O gañador é un chef de Palas de Rei, que ha rebotado polas cociñas de Tenerife, Barcelona, Lleida e mesmo Miami. Agora rexenta o seu propio local, con máis de 15 anos na cidade amurallada e cos produtos ecolóxicos e de proximidade como alicerces da súa cociña tradicional.
“O seu 'Bonito, morrón, cebola e paixón. Que ricos de sabor!' ten como base un bonito do norte marinado, servido cunhas cebolletas asadas e un xugo de pementos asados, froita da paixón e tenreira. Despois foron enlazando produtos e a través da intuición, a súa ferramenta chave, desenvolvendo a combinación de sabores”, describen desde Turismo.

A tapa ‘Queixo’, do seu homónimo Pérez Blanco, nacido en Dodro, levou o recoñecemento dos asistentes a pesar de que por aparencia podería ser sinxelo: torta de améndoa tradicional, nata e queixo fresco. Pero talvez a súa aparente simpleza sexa parte do encanto desta delicatesen da Artesá Gastrobar, que se impuxo sobre outros cinco chefs que competían nun reto de sete minutos para elaborar o mellor petisco.
Nava Castro, directora de Turismo, Gonzalo Trenor, delegado territorial da Xunta na Coruña, e José Luís Cabarcos, director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, foron algunhas das personalidades que se reuniron na cita, que puxo en valor, unha vez máis, a gastronomía galega, todo un motor do turismo na comunidade e unha “forma de vida”, como admitiu Nava Castro na súa intervención.
Escribe o teu comentario